O DH Molinos converte O Páramo na capital estatal do descenso en BTT

O Páramo viviu esta fin de semana unha xornada de emocións fortes e velocidade sobre dúas rodas coa celebración do DH Molinos, unha proba de descenso en BTT que reuniu a elite estatal desta disciplina. O evento, organizado polo club sarrián DHG Team, contou co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e formou parte do circuíto oficial da Copa de España, o que garantiu unha participación de alto nivel.
O deputado de Deportes, Efrén Castro, participou na entrega de premios, na que quixo poñer en valor o traballo desenvolvido polo DHG Team, tanto na organización desta proba como na promoción do ciclismo de descenso na comarca. "O club leva anos formando a rapazada de Sarria e arredores e hoxe tivemos a oportunidade de velos competir nun evento de máximo nivel", sinalou Castro.
A cita contou cunha notable representación do club anfitrión, que aproveitou a ocasión para amosar o seu talento diante da súa xente. Un dos máis destacados foi Iván Mourelo, que acadou o primeiro posto na categoría máster 30, confirmando así o bo estado de forma dos corredores locais.

Efrén Castro subliñou tamén a importancia deste tipo de competicións para dar visibilidade ao deporte lucense máis alá das fronteiras provinciais. "Eventos como este permiten que o noso tecido deportivo teña proxección estatal, e ademais permiten que os nosos deportistas compitan na casa sen ter que desprazarse", destacou.
A inclusión do DH Molinos no calendario da Copa de España de BTT DH Descenso foi un paso decisivo para consolidar esta cita como unha referencia no panorama nacional. O trazado, técnico e esixente, puxo a proba a habilidade e a preparación física dos participantes, que gozaron dun percorrido ben deseñado e dunha organización á altura das grandes competicións.
O Páramo, que acolleu con entusiasmo esta proba, converteuse por un día na capital do ciclismo de descenso. A veciñanza volcouse coa cita, enchendo as marxes do circuíto e animando sen descanso aos corredores. A combinación de deporte, natureza e comunidade fixo do evento unha festa para todos os públicos.
Dende a Deputación, destacouse o compromiso coa promoción do deporte base e coa celebración de eventos que fomenten a participación e o dinamismo nas zonas rurais. "Apoiamos estas probas porque entendemos que son fundamentais para dar vida ao territorio e ofrecer alternativas de lecer e desenvolvemento aos nosos mozos e mozas", concluíu Efrén Castro.