O Día das Artes Galegas 2026 estará dedicado ao fotógrafo alaricano José Suárez

Nado en Allariz no 1902, está considerado o fotógrafo galego máis internacional e unha das figuras máis destacadas do século XX
jose-suarez
1 Jul 2025

A Real Academia Galega de Belas Artes anunciou que o Día das Artes Galegas 2026, que se celebra o 1 de abril, estará dedicado ao fotógrafo alaricano José Suárez, unha figura clave da fotografía galega do século XX.

A Academia valorou os seus numerosos méritos, destacando que é considerado o fotógrafo galego máis internacional. José Suárez foi licenciado en Dereito pola Universidade de Salamanca e desenvolveu unha carreira como fotógrafo e cineasta. Foi amigo de Miguel de Unamuno, que prologou o seu libro “50 fotos de Salamanca”. Influenciado polo pensamento da “Revista de Occidente” e polas ideas artísticas das vangardas, expuxo en París e Madrid no 1935.

No 1936 comezou a rodar o documental “Mariñeiros”, que foi interrompido polo Golpe de Estado. No 1937 exiliouse en Arxentina, onde traballou como realizador e director de fotografía en varios filmes, incluíndo a dirección de “La mujer y el jockey” no 1938. No 1942 foi premiado pola fotografía do filme “Malambo” e traballou como fotógrafo no xornal “La Prensa” de Bos Aires.

Desde o 1950 viviu en Uruguai, onde dirixiu a libraría “El yelmo de Mambrino”. No 1956 viaxou a Xapón como correspondente de prensa, onde se interesou pola cultura nipona e o teatro clásico “Noh”. Alí coñeceu ao director Akira Kurosawa, con quen mantevo unha boa amizade. Colaborou con revistas como “Life”, “US Camera”, “Vida gallega”, “Galicia emigrante”, “Atalaya”, “Ahora” e “Cinegraf”.

No 1959 regresou a España, onde publicou libros sobre “La Mancha” e o mundo dos touros para unha editorial inglesa. Tamén ilustró parte da “Historia de Galicia” de Otero Pedrayo. Desde o 1971 participou en tertulias no hotel Miño de Ourense, sendo moi querido por escritores como Carlos Casares e o grupo dos “artistiñas”.

Entre as súas publicacións destacan “50 fotos de Salamanca” (1932), “Nieve en la cordillera” (1942), “La Mancha” (1965), “The Life and Death of the Fighting Bull” (1966) e “Galicia: terra, mar e xentes”. Foi director dos filmes “Mariñeiros” e “La mujer y el jockey”, ademais de director de fotografía en “Malambo”.

Desde Allariz expresaron o seu orgullo por esta homenaxe, sinalando que será unha oportunidade para recoñecer o legado de José Suárez, difundir a súa obra e achegar a súa visión artística á sociedade.

⚙ Configurar cookies
0.2284140586853