O Emma Cuervo volve a Ribadeo con dobre cita entre equipos históricos

O campo municipal Pepe Barrera de Ribadeo acolleu esta tarde a presentación oficial da 74ª edición do Torneo Emma Cuervo, unha das citas futbolísticas de verán máis emblemáticas do Estado. O clásico galego do mes de agosto celebrarase este ano o día 6 ás 19:00 horas, cun enfrontamento entre dous equipos históricos: o Real Club Deportivo da Coruña e o Real Oviedo.
No acto participaron representantes institucionais e deportivos, entre os que se atopaban o alcalde de Ribadeo, Dani Vega; os concelleiros Diego Dos Santos e Begoña Sanjurjo; o xefe do Servizo Provincial de Deportes da Xunta en Lugo, Manuel Otero; o deputado provincial Dani García; a presidenta de Acisa, Carmen Cruzado; o presidente do Ribadeo FC, Valentín Coto; o vicepresidente do Real Oviedo, Manuel Paredes; e Carlos Ballesta, conselleiro do Deportivo.
Durante a presentación, todas as intervencións coincidiron en destacar a relevancia do Emma Cuervo como vicedecano dos torneos de verán en España, e como un evento que transcende o deportivo, xerando actividade económica e visibilidade para o municipio e a súa contorna.
Ademais da tradicional cita masculina, Ribadeo será escenario tamén da quinta edición do Torneo Feminino Emma Cuervo, que se disputará o venres 23 de agosto ás 12:00 horas entre o Deportivo da Coruña e o CA Osasuna. Unha oportunidade para seguir promovendo o fútbol feminino e ampliar o alcance dun torneo que xa é patrimonio deportivo da vila.
Organizadores, patrocinadores e representantes municipais fixeron un chamamento ao público para encher as bancadas do estadio Pepe Barrera e contribuír, coa súa presenza, ao éxito destas dúas xornadas que unen deporte, tradición e dinamismo local.