O encoro de Vilasouto acollerá o 30 de maio unha nova competición autonómica de piragüismo

O Concello do Incio e a Federación Galega de Piragüismo formalizaron un convenio de colaboración para que o encoro de Vilasouto acolla o próximo 30 de maio unha nova competición autonómica.
A cita deportiva corresponde á Regata Galega de prebenxamíns, benxamíns e alevíns K1 1.500 m, incluída no calendario da Federación Galega de Piragüismo.
O acordo foi asinado polo alcalde do Incio, Héctor Corujo, e polo presidente da Federación Galega de Piragüismo, José Alfredo Bea García.
Héctor Corujo destacou o potencial do encoro de Vilasouto para acoller este tipo de probas e para o desenvolvemento dos deportes náuticos, e subliñou a vontade do Concello de continuar promovendo iniciativas nesta liña. O alcalde engadiu que “iniciativas deste tipo supoñen unha oportunidade para dar a coñecer o Concello e atraen tamén ás persoas que acompañan aos deportistas, contribuíndo a dinamizar a actividade local”.
Esta nova competición dá continuidade ás probas organizadas o pasado verán no encoro, cando O Incio acolleu a Liga Galega Infantil con máis de 200 deportistas e a sexta proba da XIV Liga Provincial de Piragüismo.
Estes eventos permiten comprobar o potencial do encoro para a práctica de deportes náuticos, nun espazo que non estaba permitido padexar desde os anos noventa ata a súa recuperación en 2022, e reforzan a colaboración entre o Concello do Incio e a Federación Galega de Piragüismo para seguir impulsando a organización de probas deportivas no municipio.