O espectacular descenso urbano de mountain bike da 25ª edición de O Marisquiño celebrará a súa edición máis ambiciosa cun remate inédito na pasarela do Centro de Ocio A Laxe.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, participou esta mañá na presentación do Descenso Urbano do festival O Marisquiño, acompañado por representantes da Zona Franca, do centro comercial A Laxe e da organización do evento. O rexedor animou a veciñanza a gozar do “espectáculo extraordinario” que terá lugar o sábado 9 de agosto, destacando que este ano a proba rematará por primeira vez cruzando a icónica pasarela da Laxe, a máis de 17 metros sobre o nivel da rúa.
A saída, como en anteriores edicións, será desde o pé da Fortaleza do Castro. O circuíto contará cun quilómetro de lonxitude e 135 metros de desnivel. A competición desenvolverase entre as 17:00 e as 20:00 horas, unha hora máis tarde do habitual para aproveitar unha luz máis espectacular.
Ademais da competición principal, haberá actividades paralelas para todo o público na zona de meta, incluíndo un MiniDH para nenos e nenas, sesións de DJ e outras sorpresas.
Caballero felicitou á organización polo seu traballo “excepcional”, destacando que o evento “xa forma parte da marca Vigo” e que os 1.350.000 euros de subvención municipal son “diñeiro ben investido” ao tratarse dun festival “que nos sitúa no mundo”.