O espírito de Oriente en Burela

A escola de artes marciais fundada por Miguel Ángel Rojo suma máis de tres décadas de actividade sendo un un espazo de aprendizaxe
Miguel-Angel-Rojo-Darriba-kung-fu
14 Sep 2025

Por Ana Somoza.

A escola de artes marciais que dirixe Miguel Ángel Rojo Darriba leva máis de tres décadas activa, converténdose nun referente en Galicia, España e mesmo no ámbito internacional. O seu fundador lembra que “a idea inicial era dar a coñecer as artes marciais e a filosofía oriental dunha maneira profunda”. Explica que, cando comezou, a situación non era sinxela: “as artes marciais convertéranse ou ben nunha mera actividade deportiva ou ben nun adestramento dedicado só á defensa persoal, e creo que así se perde unha parte fundamental, que é a cultura e a filosofía na que se xestaron estas disciplinas”.

O proxecto naceu en A Mariña con vocación comarcal, mais axiña medrou máis alá. Segundo relata, ese salto produciuse grazas á súa propia formación constante: “comecei dando clases na miña escola, pero ao mesmo tempo asistía sempre a cursos e seminarios por España, Europa e Oriente. Así coñeces xente, intercambias opinións e coñecementos, e foi así como comezaron a vir profesores a formarse aquí”. A partir desa experiencia, a rede foi expandíndose: “despois, foron eles os que me levaron a min para impartir cursos e que me coñeceran os seus alumnos”.

REFERENCIA INTERNACIONAL. A pregunta sobre como conseguiu que unha escola en Burela e Cervo se convertese nun foco de referencia nacional e europeo ten unha resposta clara: “a clave é dedicar un gran esforzo”. Rojo destaca que A Mariña pasou a ser un punto de encontro de altísimo nivel grazas aos mestres que el conseguiu traer. “Aquí veñen herdeiros dos estilos de Tai Chi máis importantes e practicados no mundo, como a familia Yang ou a familia Chen”, lembra con orgullo. No ámbito do Aiki jujutsu ou Jujutsu tradicional da liña Yoseikan, “veñen dous dos mestres máis influíntes e recoñecidos do mundo”. E no caso do Iaido, conta que “o pasado fin de semana veu impartir un curso o mestre con máis grao en España, que ademais é un dos máis recoñecidos de Europa”. Para el, a clave é dobre: viaxar e traer. “A min nunca me deu preguiza asistir a cursos organizados en calquera parte de España, Europa ou Asia”, explica. Pero tamén tiña claro que os seus alumnos debían “recibir ensinanzas directamente da fonte e non só a través de min”. Por iso, asegura, leva “máis de 25 anos traendo aos mellores mestres”.

A CONCEPCIÓN INTEGRAL. O enfoque que defende non é só físico nin só deportivo. “Non é cuestión de estilos, é cuestión de concepción”, resume. Para Rojo, todas as escolas orientais combinan unha parte física e outra espiritual. “Son dúas caras da mesma moeda”, subliña, e se falta unha delas “a moeda perde valor”. Na súa visión, se alguén se queda só coa parte física, “vai faltar unha parte moi importante, xa que te perdes o 50% e, ademais, perdes a posibilidade de comprender o porqué de moitas cousas que fas”. Ese equilibrio tamén ten que ver cos valores. “As artes marciais axúdannos a reencontrarnos con nós mesmos”, explica. Nun mundo onde “vivimos a escoitar e mirar cara fóra”, insiste en que estas prácticas “ensínannos a mirar ao noso interior”.

Fala de aprendizaxes que considera fundamentais: “axúdannos a superar as dificultades, a mellorar a paciencia, a perseverar para acadar un obxectivo, a non durmirnos ao alcanzar unha meta porque sempre hai outra”. Mesmo subliña o valor de “ser capaz de controlar a dor durante a práctica”, algo que logo se traslada á vida cotiá para relativizar os problemas. Hai tamén unha dimensión social que considera moi importante. “Hoxe vivimos hiperconectados, pero a través dunha pequena pantalla que nos fai mirar cara abaixo, nunca cara arriba nin arredor”, critica. Pola contra, “as artes marciais volven conectarnos cos demais”. E engade outro principio que considera esencial: o respecto á xerarquía. “Sempre haberá alguén por enriba a quen debes respectar”, di, recordando que en xaponés “sensei” significa literalmente “o que viviu antes”.

FILOSOFÍA E CONTEXTO. Rojo insiste en que sen coñecer a historia e a filosofía non se poden entender moitos movementos. “De moitos xestos que se practican, se só buscas unha explicación física podes caer no ridículo”, advirte. Por iso insiste en ensinar o contexto, os aspectos antropolóxicos e culturais que están detrás. Nese camiño, os contactos directos cos mestres asiáticos resultan decisivos. “Beber directamente da fonte é primordial”, afirma. Usa unha metáfora pictórica: “se ti ves un cadro, podes entender o que o pintor quere dicir, pero se ese pintor é o teu amigo, entenderás mellor o que sentía cando o creou”. As súas viaxes a Asia deixaron pegada. “Fun a China 19 veces, unha a Xapón e outra a Tailandia”, lembra.

Todas esas experiencias marcaron a súa vida. Conta unha anécdota en Wuhan: “estabamos practicando en agosto, con 38 graos e un 90 % de humidade. Vin uns ventiladores grandes cheos de po e pregunteille ao mestre se se podían acender”. A resposta foi clara: “cando eu aprendín kung-fu non había ventiladores, non vexo por que ti os necesitas”. Esa experiencia resúmea nunha lección: “para aprender kung-fu fai falta esforzo e sacrificio”.

O RECOÑECEMENTO EN ASIA. Sobre a recepción en China, explica que non é doado chegar. “Para que che fagan caso, teñen que invitarte ou tes que levar referencias”, comenta. Se non, pensan que só vas “para facerche a foto”. E despois hai que demostrar vontade: “cando che mandan facer algo dez veces, ti fas cen”. Só así se abren as portas.

BURELA, CERVO E A MARIÑA. A escola ten a súa sede en Burela, pero moita actividade desenvólvese tamén en Cervo. “Alí temos escola e organizamos cursos internacionais e campionatos”, explica. Do concello cervense di que “sempre nos apoiaron desde o minuto un”. A relación coas administracións, en cambio, non sempre é tan positiva noutros lugares. “Moitas veces é por descoñecemento”, asegura. Lamenta que ás veces se apoien só actividades que parecen atraer máis público. “Pero cando organizo un curso internacional, a media é de 70 ou 80 participantes, que chegan con familias, que dormen, comen e consumen no lugar”. Calcula que nalgúns cursos “poden vir entre 140 e 150 persoas” e ademais “saímos en revistas prestixiosas de Europa, dando visibilidade ao concello que acolle o evento”.

ALUMNADO DIVERSO. Un dos puntos fortes da escola é a variedade de perfís. “Temos desde nenos de 4 anos ata persoas de 87”, explica. Uns buscan máis a aprendizaxe física, outros a dimensión espiritual, outros mellorar a saúde ou atopar un equilibrio. Advirte tamén sobre o risco de falsos títulos. “Hoxe hai grupos que están fóra das federacións, dando diplomas que non teñen validez”, denuncia. Por iso recomenda esixir que o profesor estea “avalado por un certificado oficial e por unha federación recoñecida”.

COMO EDUCACIÓN. Rojo coincide coa célebre frase do creador do Judo, Kanō: “as artes marciais modernas foron creadas, entre outras cousas, para facer mellores cidadáns”. Para el, esa máxima resume todo o que se pode aprender.

MIRANDO AO FUTURO. Despois de máis de trinta anos, os plans seguen sendo claros: “seguiremos ensinando a todo aquel que queira aprender en serio”. Lembra sempre que “á escola non se vén só a adestrar, vénse a estudar artes marciais”. Aproveita tamén para agradecer: “aos meus alumnos por poñer a súa ilusión en min, e a todos os que me apoiaron sempre, desde federacións ata amigos e familia”.

⚙ Configurar cookies
0.30271601676941