O estadio Anxo Carro acollerá este domingo a final da Copa do Rei Xuvenil entre Betis e Barcelona

Lugo sitúase esta semana no foco do fútbol estatal coa celebración da fase final do torneo
Final-Copa-Xuvenil-Anxo-Carro-Lugo
14 Mar 2026

O estadio Anxo Carro acollerá este domingo a final da Copa do Rei Xuvenil, un encontro que enfrontará ao Real Betis Balompié e ao FC Barcelona tras superar ambos os equipos as semifinais da competición. O conxunto andaluz impúxose ao RC Celta de Vigo, mentres que o cadro catalán conseguiu o pase á final tras vencer ao RC Deportivo da Coruña.

A presentación oficial do partido contou coa presenza dos adestradores e dunha representación dos xogadores dos dous equipos finalistas, que participarán no encontro decisivo desta competición do fútbol base estatal.

Durante o acto, o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, destacou a relevancia de que a cidade fose escollida como escenario da final a catro da Copa do Rei Xuvenil. Segundo sinalou, este evento deportivo permitiu que Lugo se situase “na primeira liña do fútbol estatal”, o que supón unha importante proxección para a cidade en todo o país.

Neste sentido, Arias subliñou tamén o impacto positivo que a celebración desta fase final ten na economía local, debido á presenza dos equipos participantes e á chegada de numerosos afeccionados que se desprazan ata a cidade para seguir os partidos.

O delegado referiuse ademais ás obras de mellora e modernización que a Xunta está a executar no estadio Anxo Carro. Segundo explicou, os traballos avánzanse adaptándose ao calendario de encontros deportivos e permitirán dar “un salto cualitativo” ás instalacións, reforzando o papel de Lugo como sede de eventos deportivos de primeiro nivel.

O Goberno galego destina 3,6 millóns de euros a estas actuacións, que transformarán o complexo deportivo lucense coa mellora da accesibilidade, da funcionalidade e das condicións de seguridade das instalacións.

0.33854794502258