O estudantado das universidades públicas galegas reclama a creación dun Consello do Estudantado Universitario Galego

Os consellos do estudantado da Universidade da Coruña, da Universidade de Santiago de Compostela e da Universidade de Vigo reuníronse no Salón Reitoral da USC para reivindicar de maneira conxunta a creación do Consello do Estudantado Universitario Galego (CEUGAL).
A xuntanza prodúcese, segundo explican as representacións estudantís, ante a falta de resposta da Secretaría Xeral de Universidades desde a reunión telemática mantida o 7 de maio. Nese encontro, a Secretaría Xeral comprometérase a revisar a proposta do CEUGAL contando co acordo dos reitores das tres universidades públicas galegas. Malia dispor dese respaldo institucional, o estudantado asegura non ter recibido ningunha comunicación posterior, motivo polo que decidiu retomar a reivindicación de forma activa.
Os consellos consideran necesaria a creación deste órgano para trasladar de maneira directa á Xunta de Galicia as necesidades e demandas do estudantado universitario, como xa acontece noutras comunidades autónomas. Ademais, a posta en marcha do CEUGAL permitiría que Galicia contase cun voto propio no Consejo de Estudiantes Universitario del Estado, o órgano de participación estudantil no Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades.
Outro dos obxectivos do futuro consello é reforzar a cohesión do estudantado das tres universidades públicas, mellorando a coordinación entre campus, o intercambio de información e a defensa conxunta dos intereses económicos e sociais do colectivo.
A reivindicación vese, segundo sinalan, especialmente reforzada pola recente descentralización do Grao de Medicina. Os representantes estudantís critican que o acordo impulsado pola Consellería e polos reitores non contase coa participación do alumnado, o que deixou fóra as súas necesidades e intereses. Por este motivo, reiteran a urxencia de abrir un novo proceso de diálogo no que o estudantado estea presente desde o inicio.