O Festival Plataforma celebra a súa sexta edición levando as artes vivas a todos os recunchos de Compostela

Do 21 ao 25 de maio, o Festival Plataforma encherá Compostela de danza, performance, música e obradoiros en espazos singulares como a Praza das Praterías, Bonaval ou o CGAC.
festivales
15 May 2025

Do 21 ao 25 de maio, Santiago de Compostela acollerá a VI edición do Festival Plataforma. A bailarina e coreógrafa Nuria Sotelo será a encargada de inaugurar o evento coa peza Sobre o extravío ou a arte de perderse, dirixida por Ana Vallés, na sede da SGAE. O programa completo foi presentado pola concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, xunto co director do CGAC, Santiago Olmo, e os codirectores do festival, Mónica Maneiro e Iñaki Martínez.

Plataforma transforma espazos patrimoniais e culturais como a Praza das Praterías, o parque de Bonaval, a Casa das Máquinas, a Sala Agustín Magán, o CGAC, a Fundación DIDAC ou a galería Patio de Luz en escenarios para propostas artísticas interdisciplinares. Ademais, a programación destaca pola presenza de artistas locais xunto con creadoras e creadores de ámbito estatal e internacional.

O festival arranca oficialmente o 21 de maio, pero xa durante a fin de semana do 17 e 18 desenvolveranse actividades formativas como o obradoiro de performance de Neves Seara. Tamén se inclúen iniciativas dirixidas á infancia como o obradoiro de Ana Gesto Variacións para un mesmo obxecto (isto non é un zapato).

O 22 de maio na Praza das Praterías, Andrea Mosquera e Benxamín Otero estrea Sinfonía dunha Cidade-Corpo, que conecta os sons de Santiago cos do corpo humano. O día 23, as portuguesas Vera Mantero e Teresa Silva presentarán na Sala Agustín Magán Un pequeno exercicio de composición. O día 24 destaca a inauguración da exposición de Francisca Aires Mateus na Fundación DIDAC e diversas performances no CGAC. O festival rematará o 25 de maio cunha actuación na Casa das Máquinas a cargo de Alejandra Balboa e Pavel Amílcar, e a estrea absoluta de Interconexións atlánticas, de Paula Quintas e Ana Gesto.

Organizado pola cooperativa Performa co apoio do Concello de Santiago, o CGAC, a Fundación DIDAC, a Deputación da Coruña e outras entidades colaboradoras, o Festival Plataforma reforza a súa vocación como cita imprescindible para as artes performativas en Galicia.

⚙ Configurar cookies
0.10644006729126