O Freestyle Motocross volve a O Marisquiño para celebrar os seus 25 anos con pilotos de elite

A disciplina do Freestyle Motocross (FMX) regresa ao Festival O Marisquiño para celebrar o seu 25 aniversario, con dous pases diarios na praia de Samil e pilotos de recoñecido prestixio internacional.
Motocross Marisquinho
11 Jun 2025

O Freestyle Motocross (FMX) será unha das grandes novidades da XXV edición do Festival O Marisquiño, que se celebrará en Vigo este verán. Esta disciplina, que xa formara parte do programa do evento en edicións pasadas, regresa da man da compañía viguesa Dagan Off Road, pioneira do FMX en España.

A competición desenvolverase en dous pases diarios (sábado e domingo) de 40 minutos cada un, durante a posta de sol, nunha zona situada tras a pista de Automodelismo da praia de Samil. O público será o encargado de votar as mellores rondas de cada piloto, e o gañador de cada xornada recibirá un casco conmemorativo do 25 aniversario. Quen acumule máis cascos será o vencedor final.

Entre os pilotos xa confirmados están Dani Torres, Pedro Moreno, Diogo Ribeiro, Raúl Lerena, Javi Jabato e Adolf Silva, referentes internacionais deste deporte de acción.

A inclusión do FMX súmase a outras novidades como un segundo escenario musical dedicado á electrónica, o traslado do Basket 3x3 ao areal de Samil e o novo final do Descenso Urbano. Todo apunta a que esta edición será unha das máis completas da historia do festival.

⚙ Configurar cookies
0.28690791130066