O GALP Ría de Pontevedra activa 25 proxectos cun investimento público-privado superior aos 4,5 millóns

A conselleira do Mar inaugurou a nova oficina técnica do GALP Ría de Pontevedra, que impulsa 25 proxectos nos concellos da ría con máis de 4,5 millóns de euros mobilizados.
Galp Ria
6 Jul 2025

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, inaugurou este xoves a nova oficina técnica do Grupo de Acción Local do sector Pesqueiro (GALP) Ría de Pontevedra, situada na Casa Rosada de Poio, co obxectivo de reforzar o diálogo co sector marítimo e o tecido empresarial da zona. Este GALP estaba ata agora localizado no porto de Marín e está integrado por 59 entidades: 8 do ámbito pesqueiro, 34 do social, 11 do económico e 6 de carácter público.

Durante o acto, Villaverde puxo en valor a función dos GALP como ferramentas clave para cumprir coa prioridade da Unión Europea de fomentar o emprego e a cohesión territorial, especialmente nas comunidades costeiras dependentes da pesca e da acuicultura. Subliñou tamén o seu papel no impulso da economía azul e na creación de novas oportunidades laborais vencelladas ao mar.

Na actualidade, este grupo desenvolve 25 proxectos nos seis concellos que o conforman (Bueu, Marín, Pontevedra, Poio, Sanxenxo e Meaño), cun investimento conxunto de máis de 4,5 millóns de euros: 1,96 millóns de axuda pública e 2,6 millóns de achega privada.

No marco da convocatoria vixente, os oito GALP de Galicia están a executar un total de 133 proxectos, dos cales o 40,6 % son de actividade económica e o 59,4 % de carácter non lucrativo. Estas iniciativas mobilizan máis de 20,9 millóns de euros, con 11,7 millóns de financiamento público e 9,2 millóns privados, e prevese a creación de 120 empregos a tempo completo.

⚙ Configurar cookies
0.27600789070129