O Goberno de Santiago aproba un proxecto de orzamentos para 2026 de máis de 148 millóns

O Goberno local de Santiago de Compostela aprobou en Xunta de Goberno Local o proxecto de orzamentos municipais para 2026, que ascende a 148.532.471,20 euros, un 1,64% máis que no exercicio anterior. O montante consolidado coas entidades do sector público municipal elévase ata case 152 millóns de euros.
A alcaldesa, Goretti Sanmartín, explicou que este será o terceiro proxecto orzamentario que o executivo presentará ao Pleno nunha sesión extraordinaria prevista para marzo. Subliñou que as contas consolidan os servizos públicos, avanzan na transformación administrativa e melloran o espazo público urbano e rural, cunha clara prioridade social.
Sen suba de impostos
Sanmartín destacou que o Goberno decidiu non incrementar os impostos á veciñanza, máis alá da modificación para gravar as vivendas baleiras, sen impacto significativo nas contas.
Os ingresos correntes ascenden a 143 millóns de euros, impulsados pola mellora na xestión recadatoria, a recuperación da cobranza do lixo polos servizos municipais, a incorporación da taxa de depuración correspondente á EDAR de Silvouta e a xestión pública dos aparcadoiros do Ensanche.
Os gastos correntes sitúanse en 139,1 millóns, o que permite xerar un aforro superior aos 3 millóns de euros destinado tamén a investimentos.
Reforzo de persoal e servizos
O capítulo I, correspondente a persoal, rolda os 46 millóns de euros e inclúe cinco novas prazas: tres para a Policía Local e dúas técnicas (xestión deportiva e programación web). Ademais, reconvértense postos da antiga UMAD en seis bombeiros, cinco efectivos de administración xeral e un de traballo social.
Segundo indicou a rexedora, o parque de bombeiros contará con 71 efectivos e a Policía Local con 163.
No capítulo II, dedicado á prestación de servizos, resérvanse 70 millóns de euros, cun incremento do 5,65%. Inclúe partidas para limpeza e recollida de residuos (14,1 millóns), depuración (4,2 millóns), zonas verdes (4,1 millóns) ou Servizo de Axuda no Fogar (6,3 millóns).
A área de protección social experimenta un incremento do 250%. Destaca tamén o aumento do contrato de servizos educativos, que pasa de 5,4 a 6,8 millóns de euros.
Investimentos
O capítulo de investimentos prevé 6,3 millóns de euros, aos que se suman 2,6 millóns procedentes de baixas doutros exercicios. Entre as actuacións previstas figuran:
- Casa dos Maiores (1 millón de euros)
- Factoría de Salgueiriños (315.793 euros)
- Colector da avenida de Lugo (893.692 euros)
- Actuacións no rural (1,9 millóns)
- Pavimentacións urbanas (988.521 euros)
- Reforma do pavillón do Lamas de Abade (400.000 euros)
- Vehículos para bombeiros (670.593 euros)
O documento será sometido a debate plenario no mes de marzo.