O Grupo Socialista acusa á Xunta de dar “excusas de mal pagador” para xustificar a paralización do sector eólico

Santiago de Compostela, 16 de febreiro de 2025 – A portavoz de Industria do Grupo Socialista, Patricia Iglesias, acusou ao goberno galego de empregar “excusas de mal pagador” para xustificar a paralización do sector eólico en Galicia. A socialista advertiu que a negativa da Xunta a adaptar as zonas sensibles ambientais está a provocar a suspensión de 77 parques eólicos, o que supón a perda de 2.000 MW de potencia e de máis de 6.000 millóns de euros en investimentos.
Iglesias tachou de “intolerable” a estratexia do goberno autonómico de culpar ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) e ao goberno central pola situación actual. “Prefiren sinalar culpables externos en vez de asumir a súa propia incompetencia por non actualizar a planificación territorial e ambiental”, sinalou a portavoz.
Segundo explicou Iglesias, o problema radica en que o Plan sectorial eólico galego en vigor data de 1997, sen estar adaptado á lexislación europea actual en materia de sustentabilidade ambiental, como a Directiva de Biodiversidade, a Directiva de Hábitats ou a III Directiva de Renovables. “O que ten que facer a Xunta é cumprir coa normativa e delimitar claramente as zonas de sensibilidade ambiental, para permitir a instalación de parques eólicos nos espazos axeitados e evitar así a súa suspensión”, subliñou.
A responsable socialista tamén acusou á Xunta de mentir ao afirmar que “a totalidade do territorio galego está protexida contra a implantación de eólicos”, cualificando estas declaracións de “escusas baratas” e “ataques infundados” ao TSXG.
Iglesias lembrou que moitas comunidades autónomas gobernadas polo PP, como Aragón, Castela e León ou Valencia, adaptaron as súas normativas á zonificación ambiental en vigor desde 2021 e, por iso, están a avanzar moito máis rápido que Galicia no desenvolvemento da enerxía eólica.
Unha década de paralización e perda de investimentos
Iglesias tamén puxo o foco na decisión da Xunta de paralizar o concurso eólico en 2009, o que supuxo deixar fóra do desenvolvemento eólico a máis de 2.325 MW e a perda de máis de 5.000 millóns de euros en investimentos. Ademais, criticou que os cidadáns galegos tiveran que asumir case 200 millóns de euros en indemnizacións polas demandas de responsabilidade patrimonial das empresas afectadas por esa paralización.
“Tras 16 anos de inacción, 13 modificacións lexislativas sobre o sector eólico e con 77 parques paralizados, a Xunta conseguiu somerxer o sector nun auténtico caos xurídico e económico”, denunciou Patricia Iglesias.