O Grupo Socialista critica a “ambigua e confusa” lei de saúde en menores e anuncia emendas para que non quede en “propaganda e publicidade”

Elena Espinosa advertiu que o texto presenta limitacións que dificultarán a súa efectividade e reclamou que a norma aposte máis pola prevención, a educación e a igualdade de oportunidades para a mocidade.
Elena Espinosa
15 Oct 2025

A portavoz de Sanidade do Grupo Socialista no Parlamento galego, Elena Espinosa, advertiu que o proxecto de lei de protección da saúde das persoas menores e prevención das condutas adictivas presentado pola Xunta “non é unha boa lei”, ao considerar que é “ambigua e confusa” e que “presenta limitacións que dificultarán a súa plena efectividade”.

Durante a súa intervención no debate parlamentario, Espinosa recoñeceu que a necesidade dunha normativa destas características “está clara”, pero cuestionou o contido do texto ao entender que “fala pouco de prevención, formación e educación, e pesa moito máis en prohibicións, multas e sancións”.

A deputada socialista defendeu como un “compromiso claro” do PSdeG “que as adiccións non estean normalizadas” e asegurou que o obxectivo debe ser ter “unha mocidade informada, crítica e saudable”. “Cremos nunha educación sanitaria e en fomentar os estilos de vida saudables, pero este proxecto de lei non incide nas causas estruturais das adiccións”, engadiu.

Espinosa enumerou entre esas causas “a pobreza, o desemprego, a falta de oportunidades educativas e a mercantilización do lecer”, factores que —sinalou— a Xunta “non aborda co proxecto actual”. Por iso, anunciou que o grupo parlamentario presentará emendas co obxectivo de que a lei “sirva realmente para fortalecer as políticas de prevención e garantir que cada neno e nena galegos medren coas mesmas oportunidades de benestar e desenvolvemento”.

A viceportavoz segunda do Grupo Socialista tamén advertiu contra calquera intento do Goberno galego de converter a lei “nun exercicio de propaganda e publicidade”, ao tratarse, ao seu xuízo, dun texto “pouco traballado” e “carente de compromisos e criterios de avaliación”.

Finalmente, Espinosa apuntou que a Xunta podería estar apurando a tramitación da norma “para que estea aprobada antes que a do Goberno de España, que nestes momentos tamén prepara unha lei sobre a prevención do consumo de bebidas alcohólicas e os seus efectos nos menores”.

⚙ Configurar cookies
0.27957105636597