O Grupo Socialista denuncia a parálise da Xunta en vivenda tras executar só o 15,5 % dos fondos dispoñibles

O PSdeG critica que a Xunta só executara 16 millóns dos 103,5 millóns do programa de Acceso á Vivenda e cualifica de “insulto á cidadanía” a aposta polos minipisos de 30 metros cadrados
Aitor Bouza
31 Dec 2025

O Grupo Socialista do Parlamento de Galicia denunciou a parálise da Xunta de Galicia en materia de vivenda, logo de constatar que no terceiro trimestre de 2025 só se executou o 15,5 % dos 103,5 millóns de euros dispoñibles no programa de Acceso á Vivenda.

O portavoz de Vivenda do Grupo Socialista, Aitor Bouza, esixiulle ao Goberno galego que execute os fondos consignados e garanta que os recursos públicos “cheguen realmente á cidadanía”. Con este obxectivo, anunciou a presentación dunha batería de iniciativas parlamentarias para forzar á Xunta a dar explicacións e activar as medidas comprometidas.

Bouza cualificou de “insulto á intelixencia dos galegos e das galegas” que a principal resposta da Xunta á crise da vivenda sexa a modificación da Lei de Acompañamento para rebaixar as condicións de habitabilidade e permitir vivendas de 30 metros cadrados. Segundo denunciou, esta medida contrasta coa existencia de 87,5 millóns de euros sen executar do programa de Acceso á Vivenda.

“O dato de execución evidencia a parálise e a incapacidade do Goberno galego para converter en feitos reais os compromisos que anuncia”, advertiu o responsable socialista, que insistiu en que a cidadanía “non pode esperar indefinidamente a que a Xunta xestione con máis dilixencia”.

Desde o PSdeG reclaman que o Executivo autonómico asuma a súa responsabilidade e poña en marcha políticas activas que garantan o dereito a unha vivenda digna, especialmente para a mocidade e as familias. Neste sentido, Bouza esixiu que a Xunta presente no Parlamento un Plan detallado de actuacións ata 2026, que inclúa prazos concretos, obxectivos claros e indicadores de seguimento do programa de Acceso á Vivenda.

⚙ Configurar cookies
0.30943703651428