O Grupo Socialista denuncia que a Xunta mantén ocultos 13 contratos a dedo

Os contratos foron asinados entre 2009 e 2011 co despacho Equipo Económico, fundado polo exministro Cristóbal Montoro, por un importe global de máis de 172.000 euros
patricia-iglesias-psoe
3 Jan 2026

O Grupo Parlamentario Socialista denunciou que a Xunta de Galicia mantén ocultos un total de 13 contratos adxudicados a dedo ao despacho Equipo Económico, fundado polo exministro de Facenda, Cristóbal Montoro, investigado penalmente por presuntos delitos de organización criminal e tráfico de influencias.

A deputada socialista Patricia Iglesias explicou que estes contratos foron asinados entre os anos 2009 e 2011, durante a etapa de presidencia de Alberto Núñez Feijóo, por un importe global de 172.838 euros, sen que ata o momento a Xunta facilitase unha información completa, ordenada e verificable sobre o seu contido, utilidade real nin xustificación administrativa.

Segundo indicou Iglesias, tras acceder o pasado 12 de setembro aos expedientes de contratación, o Grupo Socialista detectou feitos de especial gravidade institucional, como a existencia de informes en forma de simples borradores, sen sinatura nin data, documentos sen identificación da súa autoría e materiais de carácter xeral que se limitan a reproducir normativa fiscal estatal, sen adaptación ás competencias propias de Galicia.

Entre a documentación revisada figura tamén un arquivo en formato PowerPoint relativo á fusión das caixas galegas, carente de conclusións técnicas ou recomendacións finais, que foi utilizado como soporte político para unha das decisións económicas máis relevantes da historia recente da Comunidade.

Ese mesmo día, o Grupo Socialista solicitou formalmente copia íntegra de todos os contratos menores adxudicados a Equipo Económico, así como dos informes finais asociados a cada un deles. A día de hoxe, esa documentación segue sen ser remitida, o que, segundo denunciaron, supón un incumprimento dos principios de transparencia, colaboración parlamentaria e control democrático da acción do Goberno.

A iniciativa rexistrada no Parlamento de Galicia insta á Xunta a entregar de maneira inmediata toda a documentación pendente, a explicar os criterios seguidos para a adxudicación reiterada de contratos a un mesmo despacho e a revisar os procedementos internos de contratación, especialmente no ámbito dos contratos menores, para reforzar os mecanismos de control e fiscalización.

⚙ Configurar cookies
0.3222930431366