O incendio de Larouco ameaza con ser un dos máis devastadores da historia de España

O lume leva xa máis de 30.000 hectáreas calcinadas, sendo o terceiro maior do Estado dende que hai rexistros
incendio-quiroga-2
21 Aug 2025

Declarado o mércores 13 de agosto, o incendio de Larouco arrasara onte unhas 20.000 hectáreas, mais hoxe a cifra ascende xa a 30.000 hectáreas queimadas, converténdose nun dos maiores lumes da historia de España desde que existen rexistros, e o maior da historia de Galicia. O fronte afecta aos concellos de Quiroga, O Barco de Valdeorras, O Bolo, Carballeda de Valdeorras, A Rúa, Petín, Rubiá, A Veiga e Vilamartín de Valdeorras. O dispositivo mobilizado supera as 150 brigadas e arredor dun cento de motobombas, nun esforzo sen precedentes.

En Quiroga, este lume afecta a unhas 9.000 hectáreas e deixou momentos de gran tensión. A xornada do martes resultou especialmente complicada para traballadores e veciñanza das aldeas máis próximas ao lume. Núcleos como Centeais, Bendollo, Montefurado e Vilaster víronse rodeados polas lapas e tiveron que afrontar unha noite de gran preocupación, na que efectivos e voluntarios permaneceron en alerta para protexer as vivendas. Segundo explican dende o Concello, o cambio de vento resultou determinante para mellorar a situación e evitar que o lume chegase ás casas. Onte, a situación vivíuse con certa calma.

O incendio continuou avanzando este mércores cara aos montes de Outeiro e Soldón da Seara, onde a Unidade Militar de Emerxencias (UME) está a desprazar maquinaria pesada. Desde primeiras horas da mañá tamén operaron medios aéreos, considerados fundamentais neste operativo. A situación, hoxe, parece máis calmada.

OURENSE REXISTRA OS TRES MAIORES INCENDIOS DA HISTORIA DE GALICIA

O incendio de Larouco supera xa ao de Chandrexa de Queixa, que segue activo e que, tras fusionarse co de Vilariño de Conso, leva calcinadas arredor de 19.000 hectáreas desde o venres 8 de agosto, 15.000 máis ca onte. É o segundo maior incendio da historia de Galicia. O lume afecta gravemente ao Macizo Central ourensán e propagouse tamén a Manzaneda, Montederramo, A Pobra de Trives, O Bolo e Laza. Para combatelo despregouse un operativo masivo con máis dun cento de brigadas, preto dun cento de motobombas e o reforzo de medios aéreos, incluíndo efectivos da UME.

Pola súa parte, en Oímbra o lume calcinou arredor de 17.000 hectáreas, 2.000 máis que onte pola mañá. O lume esténdese polos termos municipais de Monterrei, Cualedro, Verín, Laza, Trasmiras, Castrelo do Val e Baltar, converténdose no terceiro incendio de maiores dimensións da historia de Galicia.

⚙ Configurar cookies
0.15350699424744