O incendio de Larouco convértese no máis grande da historia de Galicia con 20.000 hectáreas calcinadas

Declarado o mércores 13 de agosto, o incendio de Larouco arrasou xa unhas 20.000 hectáreas, estendéndose por Quiroga, O Barco de Valdeorras, O Bolo, Carballeda de Valdeorras, A Rúa, Petín, Rubiá, A Veiga e Vilamartín de Valdeorras. O fronte, convertido no de maior extensión da historia de Galicia, continúa activo e mobiliza máis de 150 brigadas e arredor dun cento de motobombas.
O incendio supera xa ao de Chandrexa de Queixa, que segue activo e que, tras fusionarse co de Vilariño de Conso, calcinou desde o venres 8 de agosto unhas 17.500 hectáreas. Este lume afecta gravemente ao Macizo Central ourensán, unha das zonas máis castigadas polos incendios dos últimos anos. O fronte estendeuse tamén a Manzaneda, Montederramo, A Pobra de Trives, O Bolo e Laza, e obrigou a despregar un operativo masivo con máis dun cento de brigadas, preto dun cento de motobombas e o reforzo de medios aéreos e da UME.
Pola súa conta, en Oímbra o lume xa calcinou arredor de 15.000 hectáreas, estendéndose aos termos municipais de Monterrei, Cualedro, Verín, Laza, Trasmiras, Castrelo do Val e Baltar, e converténdose no terceiro de maiores dimensións da historia de Galicia.
En Quiroga, a situación vívese con medo e preocupación pola proximidade das chamas a varios núcleos de poboación. O lume avanzou perigosamente cara á aldea de A Seara, que se librara do gran incendio que arrasou O Courel en 2022, con 11.500 hectáreas calcinadas, o maior de Galicia ata este ano, e que agora volve estar ameazada.
Durante a xornada do luns, os medios aéreos puideron intervir por primeira vez tras días de inactividade debido ao fume. O seu apoio foi clave para conter o avance do fronte cara a A Seara e O Mazo. Aínda así, as chamas cruzaron Chao da Casa e alcanzaron o val de Vilar de Mondelo, aínda que finalmente puideron ser contidas antes de afectar ao núcleo. Tamén se logrou protexer as aldeas de Piñor, Rugando e Vilarmel.
A devastación, con todo, deixou marcas graves na comarca. Na tarde do luns, o coche dunha veciña quedou calcinado polas chamas. En Alvaredos ardeu unha vivenda habitada, e no pobo de Ferreira o lume arrasou practicamente toda a aldea, salvándose unicamente algunhas casas.