O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación amplía o confinamento de aves de cría a todas as granxas de España

A orde, publicada hoxe no BOE, reforza as medidas preventivas ante o aumento do risco de expansión da gripe aviaria
galinas-gallinas-2
13 Nov 2025

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación decretou o confinamento obrigatorio de todas as aves de cría que se manteñen ao aire libre en España. A medida, que entra en vigor hoxe 13 de novembro, pretende reforzar a prevención fronte á influenza aviaria nun momento no que aumenta o risco de expansión desta enfermidade altamente contaxiosa.

Ata agora, a prohibición de manter aves no exterior aplicábase só aos 1.201 municipios catalogados como zonas de especial risco ou especial vixilancia. Porén, a orde publicada hoxe no Boletín Oficial do Estado amplía a obrigatoriedade a todas as explotacións avícolas do país, incluídas as granxas ecolóxicas, as de autoconsumo e aquelas destinadas á produción de carne ou ovos para venda directa.

O ministerio basea esta decisión na evolución do risco durante a última semana, tendo en conta o incremento de focos detectados en Europa, os movementos de aves silvestres e a elevada presenza de especies migratorias nos humidais españois nestas datas. O descenso das temperaturas tamén favorece a supervivencia do virus, polo que se considera esencial reducir o contacto entre aves domésticas e silvestres.

Desde o mes de xullo rexistráronse 139 brotes de gripe aviaria en granxas europeas. En España contabilizáronse 14 focos en explotacións (a metade en Castilla e León), ademais de 53 en aves silvestres e 5 en exemplares en catividade.

A orde establece medidas adicionais: prohibe criar patos e gansos xunto con outras especies de corral; veta o uso de auga procedente de depósitos accesibles a aves silvestres, salvo que sexa tratada; e obriga a protexer os depósitos exteriores necesarios para o benestar animal. Tamén se prohibe a presenza de aves de corral ou aves cautivas en feiras, mostras e celebracións culturais.

Nos casos nos que non sexa posible o confinamento, as comunidades autónomas poderán autorizar que as aves permanezan no exterior sempre que se coloquen mallas ou sistemas que impidan o acceso de aves silvestres. Nestes casos, a alimentación e a auga deberán suministrarse sempre en espazos protexidos.

⚙ Configurar cookies
0.36935901641846