O Ministerio de Transportes impulsa a mellora do tren entre Lugo e Santiago cun estudo de viabilidade

O Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible adxudicou por 357.857,5 euros a redacción dun estudo de viabilidade para mellorar a conexión ferroviaria entre Lugo e Santiago de Compostela, co obxectivo de seguir desenvolvendo o tren en Galicia.
Os traballos permitirán analizar o reforzo da conectividade entre ambas as cidades mediante unha nova variante entre a liña León - A Coruña e o Eixe Atlántico de Alta Velocidade, conseguindo unha conexión máis eficiente entre Lugo e as principais cidades galegas da cornixa atlántica.
O estudo, adxudicado á UTE Tema Enxeñaría S.L. e Fulcrum, Planificación, Análise e Proxecto, S.A.U., desenvolverase en dúas fases: a primeira, na que se realizará un estudo de mobilidade en Lugo para analizar os fluxos de viaxeiros, identificar necesidades e estimar a demanda de novos servizos de transporte; e a segunda, na que se definirá o novo trazado, que incluirá a variante e melloras na liña actual. Posteriormente, estudarase as alternativas e a súa rendibilidade socioeconómica en función da demanda e os tempos de viaxe.
Con este análise, o Ministerio reforza a modernización da rede ferroviaria galega, que nos últimos anos pasou de trazados que dificultaban conexións eficientes e reducían a competitividade do tren, a enlaces ferroviarios de altas prestacións entre as principais áreas de poboación e co resto da península. Ademais, este estudo sumase ás melloras en desenvolvemento nas liñas e estacións de Galicia, así como a novas conexións en estudo ou execución.
Grazas a estes avances, o uso do tren experimentou un notable incremento, con importantes beneficios na calidade do aire, a redución da congestión do tráfico e unha menor sinistralidade. A posta en marcha deste estudo coincide co desenvolvemento das obras das novas estacións en Lugo e Santiago de Compostela.
Nova estación de Lugo: unha transformación para a mobilidade
No caso de Lugo, a nova estación transformará a mobilidade da cidade e responderá ao incremento de viaxeiros derivado da renovación da liña Lugo-Ourense, que conecta a capital lucense coa alta velocidade.
As obras contan cunha inversión de 22,3 millóns de euros (IVA incluído) e inclúen a construción dun novo edificio de viaxeiros, a adecuación da zona de andeis, un paso inferior mixto compartimentado para viaxeiros e uso público, unha pasarela peonil e a urbanización do entorno, integrando a estación nunha praza intermodal que conectará as terminais de ferrocarril e autobús.
Actualmente, estase executando o empuxe baixo vías do paso inferior de doble funcionalidade: acceso a andeis (co andén central xa construido) e uso como paso urbano. Para iso, xa se realizou o apeo das catro vías da estación, unha acción necesaria para levar a cabo o empuxe do paso inferior construido previamente en formigón. Este proceso construtivo permite compatibilizar as obras sen interromper o tráfico ferroviario.
Ademais, tras a demolición do antigo edificio de viaxeiros, avanzan os traballos de construción do novo edificio da estación, coa execución da estrutura da segunda altura, marcando así un paso máis na modernización ferroviaria de Lugo.