O Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil acolle este venres o encontro de emprendemento Ultreia Galicia

Este venres terá lugar no mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, no concello ourensán de Nogueira de Ramuín, o encontro de emprendemento Ultreia Galicia, impulsado pola Xunta, unha cita contará coa presenza de 60 referentes nacionais e internacionais, 30 empresas tractoras e máis de 200 integrantes do ecosistema emprendedor, coa finalidade de fortalecer a conexión entre proxectos galegos e europeos e poñer en valor a capacidade innovadora do territorio.
A xornada estrutúrase en torno a tres eixos estratéxicos: agro-mar, recursos naturais e comercio-turismo, e desenvolverase en tres espazos de debate centrados en emprendemento, innovación e Galicia Rexión Emprendedora. Entre as actividades destacadas está a sinatura dun compromiso de coordinación entre as entidades público-privadas que asesoran o emprendemento en Galicia, así como a presentación das liñas mestras da próxima Estratexia de emprendemento ligada ao territorio.
Como parte das celebracións polo recoñecemento de Galicia como Rexión Emprendedora Europea 2025, representantes de diversas rexións europeas están a participar en experiencias inmersivas que combinan emprendemento, patrimonio e cultura galega. O congreso ofrecerá máis de 20 mesas redondas e relatorios con expertos, empresas líderes, proxectos inspiradores e representantes institucionais, incluídos membros do goberno autonómico.
No ámbito institucional, conmemoraranse os 20 anos do observatorio internacional GEM (Global Entrepreneurship Monitor) en Galicia coa presentación do Informe Especial GEM Galicia 2024-2025. Ademais, celebrarase unha mesa redonda sobre emprendemento xuvenil e outra para o intercambio de experiencias entre as Rexións Emprendedoras Europeas 2025 —Galicia, Krapina-Zagorje e Mazovia— coa participación de Nadim Ahmad, director adxunto do Centro de Emprendemento e PEME da OCDE. Tamén se recoñecerá a Rede de Polos a través dunha distinción ao mellor proxecto entre os 15 centros, e presentarase o proxecto Fixar da Xunta, orientado a atraer nómades dixitais ao rural.
O espazo dedicado ao emprendemento reunirá emprendedores, empresas, investidores e entidades comprometidas co desenvolvemento sostible do territorio. As mesas de debate abordarán as ferramentas dispoñibles en Galicia para impulsar o emprendemento, a colaboración empresarial como motor de crecemento, e as oportunidades de financiamento para empresas emerxentes nos sectores estratéxicos.
Pola súa banda, a sala de innovación amosará casos de éxito e experiencias innovadoras de distintas compañías, así como o papel das empresas tractoras vinculadas ao territorio que medran desde a súa contorna.
Ultreia Galicia aspira a consolidarse como un foro de referencia en emprendemento sostible, impulsando o ecosistema emprendedor galego, xerando oportunidades de investimento e abrindo novas vías de colaboración entre proxectos locais e internacionais.