O Museo Provincial de Lugo incorpora varias obras do artista Xoán Anleo á súa colección

A doazón abrangue esculturas, edicións artísticas e materiais audiovisuais que percorren a traxectoria do creador pontevedrés desde os anos oitenta ata a actualidade
obras-do-artista-multidisciplinar-Xoán-Anleo-Museo-Lugo
4 Jul 2025

O Museo Provincial de Lugo vén de incorporar aos seus fondos unha destacada selección de obras do artista multidisciplinar Xoán Anleo (Marín, Pontevedra, 1960), que ofrecen unha visión representativa da súa carreira tanto no plano cronolóxico como no artístico. As pezas abranguen distintas disciplinas, desde a escultura ata a edición, e abranguen un período que vai desde os anos oitenta ata o presente.

A deputada de Cultura, Iria Castro; a directora do Museo Provincial, Aurelia Balseiro; e a xerente da Rede Museística Provincial, Encarna Lago, recibiron ao artista, quen manifestou a súa vinculación co Museo de Lugo e puxo en valor a riqueza e representatividade das coleccións que alberga a institución.

Entre as obras doadas figuran tres esculturas cerámicas pertencentes á colección persoal de Anleo, realizadas en 1988 con arxila refractaria e esmalte, das que apenas se conservan exemplares: Contedor de espazos baleiros, División de espazos e Espazo aberto.

A doazón complétase con outras pezas como foto-textos, instalacións como Troqueles (2025), libros de artista, poemas-objeto, tampóns, dous discos de vinilo, dous CD e diferentes edicións que dan conta da súa produción máis recente.

O persoal técnico do Museo Provincial de Lugo encargarase nas vindeiras semanas de realizar as tarefas de catalogación e inventariado destas obras, que veñen reforzar os fondos de arte contemporánea galega do museo.

Xoán Anleo, escultor e artista audiovisual, é Doutor en Belas Artes pola Universidade de Castela-A Mancha e profesor na Facultade de Belas Artes de Pontevedra. Conta con máis de corenta exposicións individuais, tanto en España como no estranxeiro, e participou en máis de 280 mostras colectivas. A súa obra abrangue tamén escenografía, música e creación sonora para teatro, danza, cine e vídeo. Actualmente reside e traballa en Vigo.

⚙ Configurar cookies
0.27115082740784