O Parlamento aproba a proposta socialista para esixir á Xunta que impulse os montes protectores fronte aos incendios e inundacións

Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2025 – A Comisión de Agricultura do Parlamento de Galicia aprobou hoxe unha proposta do Grupo Socialista para reclamar á Xunta de Galicia que cumpra coa obriga de impulsar os denominados montes protectores, esenciais para a preservación do chan e como barreiras naturais fronte aos incendios forestais e as inundacións.
A portavoz de Política Forestal do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, presentou esta iniciativa que foi aprobada parcialmente. Dacosta lembrou que esta medida forma parte das recomendacións da Comisión de Estudo da Política Forestal, creada tras os incendios de 2017. A pesar de que a comisión rematou o seu traballo no 2018, o goberno galego non adoptou medidas para cumprir con estas recomendacións desde entón.
Entre as conclusións da comisión, destacábase a necesidade de priorizar os montes clasificados como protectores, incluíndo os montes veciñais que proviñan de montes de utilidade pública. Ademais, solicitábase axudas e subvencións para a repoboación destes espazos. No acordo de hoxe, inclúese a proposta de darlles carácter preferente nas axudas para repoboación, aínda que o PP obrigou a retirar a mención aos Montes Veciñais e de Man Común de Utilidade Pública.
Un piar ecolóxico fundamental para Galicia
Dacosta destacou a relevancia destes montes para a ecoloxía galega, subliñando o seu papel crucial na protección do chan, a conservación da biodiversidade e a mitigación do cambio climático. Estes montes actúan como barreiras naturais fronte aos incendios forestais e as inundacións, protexendo especialmente as concas fluviais da erosión.
A deputada socialista advertiu que o goberno galego debe garantir a sostibilidade destes montes e tomar "actuacións inmediatas" para evitar as graves consecuencias das riadas e inundacións, fenómenos cada vez máis frecuentes debido ao cambio climático.
Texto da iniciativa aprobada hoxe:
- "O Parlamento de Galicia insta ao Goberno galego a:
- Seguir as recomendacións núm. 3 e 6 do ditame da Comisión non permanente de Estudo e Análise das Reformas da Política Forestal de Prevención e Extinción de incendios Forestais e do Plan forestal de Galicia.
- Que se lle outorgue aos montes protectores carácter preferente en relación coas axudas e subvencións relativas ás repoboacións e mellora de masas forestais."