O Parlamento rexeita regular as plantas de biometano pese ao apoio que recibiron no pleno de Lugo

A sesión contou coa presenza de representantes veciñais, acompañados polo tenente de alcalde de Lugo, Rubén Arroxo
non-á-planta-de-biometano-Lugo-en-Parlamento-BNG
9 Jul 2025

O BNG denuncia que Parlamento de Galicia rexeitara a proposta que buscaba establecer unha regulación clara para a implantación de plantas de biometano, incluíndo distancias mínimas respecto dos núcleos habitados.

A iniciativa só contou co apoio do propio grupo nacionalista, mentres que o PSOE optou pola abstención e o PP votou en contra, malia ter respaldado unha proposta semellante no pleno do Concello de Lugo o pasado 29 de maio.

Durante a súa intervención na Cámara, a deputada do BNG, Montserrat Valcárcel, puxo como exemplo o caso da planta proxectada en Coeses, lembrando que a veciñanza leva máis dun ano mobilizándose para esixir á Xunta a paralización do proxecto. "A Xunta dálle trato preferente ao declaralo estratéxico, mentres a xente ve comprometida a súa calidade de vida sen amparo legal", criticou Valcárcel, quen subliñou que "non é unha cuestión teórica, senón unha realidade que afecta a persoas concretas".

A sesión contou coa presenza de representantes veciñais, acompañados polo tenente de alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, e outros edís do BNG, que cargaron contra a "falta de coherencia" dos grupos parlamentarios. "O mesmo PSOE e o mesmo PP que no Concello de Lugo apoiaron afastar estas plantas das vivendas, hoxe deron as costas á veciñanza no Parlamento", reprochou Arroxo.

No debate, Valcárcel acusou ao PP de actuar con "falta de seriedade", centrando o discurso en cuestións alleas á problemática real e evitando abordar a lagoa normativa existente en Galicia. "Aquí vimos a regular proxectos industriais que afectan a saúde da xente, pero vostedes non achegan solucións", sinalou, lembrando que comunidades como Castela e León, tamén gobernada polo PP, xa estableceron distancias mínimas e limitacións para estas instalacións.

A deputada nacionalista reclamou medidas concretas como fixar un mínimo de 3.000 metros entre as plantas e os núcleos habitados, regular o tamaño das instalacións e controlar a xestión dos residuos. "O PP rexeita todo isto sen base científica ningunha. O único que pedimos é seriedade, porque isto non é un xogo: está en xogo a saúde da xente", concluíu.

INTERVENCIÓN DO PARTIDO POPULAR

O portavoz de Medio Ambiente do Grupo Popular no Parlamento de Galicia, Gonzalo Trenor, solicitou a creación dun marco normativo estatal específico e dunha planificación enerxética que favoreza a implantación de instalacións de biogás, co obxectivo de aproveitar as potencialidades deste tipo de enerxía renovable en Galicia. Trenor tamén apelou á responsabilidade dos concellos, aos que instou a respectar as súas propias normativas e ordenanzas municipais que regulan as actividades potencialmente molestas ou contaminantes.

O deputado do PP lamentou que, segundo afirmou, o BNG “volvese quedar totalmente illado na defensa dunha das súas iniciativas demagóxicas”, e acusouno de estar máis centrado en atacar ao Goberno galego ca en propoñer solucións reais ou asumir as competencias que corresponden a cada administración, como ocorre coas plantas de biogás.

Trenor defendeu que a Xunta de Galicia, aínda carecendo dunha normativa específica para este tipo de proxectos, avalía en cada caso as posibles afeccións á poboación, á saúde pública, ao medio ambiente e ao transporte de residuos, como asegurou que se fixo na tramitación da planta de biogás prevista para a parroquia lucense de Coeses.

O portavoz popular subliñou a importancia de garantir un equilibrio entre o despregamento das enerxías renovables e a protección do medio e da saúde da cidadanía, ao tempo que advertiu de que a falta de planificación e lexislación está a frear o desenvolvemento deste sector en España, malia o seu potencial. “Estamos desaproveitando a oportunidade de ser o terceiro país produtor europeo de biogás, por detrás de Alemaña e Francia”, concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.62996602058411