O Pazo dos Deportes de Lugo acolle unha cita decisiva para a loita olímpica galega

280 deportistas de 25 clubs loitarán pola representación galega nos estatais, con notable incremento de participación feminina
loita-olímpica-galega-en-Lugo
30 Jan 2026

O Pazo acollerá mañá, 31 de xaneiro, unha cita decisiva para a loita olímpica galega coa celebración dos campionatos galegos de U13 e U17 de Loitas Olímpicas, xunto co campionato galego de Loita Sambo, competicións nas que se decidirá a representación galega para os campionatos estatais.

A competición, organizada pola Federación Galega de Loita e polo Club Loita Lugo, reunirá 280 deportistas —100 en Loita Sambo e 180 en Loitas Olímpicas— procedentes de 25 clubs de toda Galicia, unha cifra que supón un “récord de participación”, destacou Pablo Pintos, Director Técnico da Federación Galega de Loita e D.A.

A federación subliña tamén o aumento da presenza feminina nestes campionatos. “Ano tras ano, as mulleres gañan terreo nos deportes de combate. Outro exemplo do crecemento é o aumento exponencial das mulleres no colectivo arbitral, sendo maioría en Galicia: Verónica Pérez, Nerea Vila, Nerea Iglesias, Aimara Osco, Cristina Rodríguez ou Ana López, do Club de Loita Lugo, que conta con varias colexiadas internacionais”, sinalou a organización.

O vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, destacou que “ademais de ser o corazón do baloncesto na cidade, o Pazo ofrece ao tecido deportivo lucense a posibilidade de organizar estes eventos, que reforzan aos nosos clubs e deportistas” e animou a asistir á competición, que terá entrada de balde.

⚙ Configurar cookies
0.23710608482361