O Plan de formación do profesorado da Xunta medra un 10% con foco en matemáticas, lectura, inclusión e intelixencia artificial

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, presentou en Santiago o Plan anual de formación do profesorado, que este curso medra case un 10%. En total, a programación inclúe 6.381 actividades, 135.299 horas de formación e 133.699 prazas, o que supón que cada docente dispoña dunha media de catro prazas para mellorar a súa cualificación.
O DOG publica tamén hoxe o novo decreto de formación permanente do profesorado, co obxectivo de adaptala aos retos do século XXI. Segundo explicou o conselleiro, a planificación pon o foco no reforzo das competencias matemática, lectora e dixital, en liña co Plan MEGA. Así mesmo, melloran os itinerarios do programa E-Dixgal, reforzando o modelo híbrido de aprendizaxe, e introdúcense novas accións centradas na intelixencia artificial.
O plan tamén atende á acollida de 1.113 novos docentes incorporados tras as oposicións deste verán, cunha formación específica para familiarizalos coas súas funcións. No ámbito da inclusión, materialízase a colaboración con entidades especializadas na diversidade, no marco da Estratexia EduInclusión 2030.
Na Formación Profesional, as accións céntranse en novos módulos, tecnoloxías emerxentes, destrezas lingüísticas, orientación profesional e prevención do abandono escolar. Haberá tamén 185 estadías en empresas e actividades vinculadas á innovación e á alta especialización.
Rodríguez lembrou que o pasado curso formouse ao 87% do profesorado galego, cun total de 33.211 docentes, e que máis de 34.200 xa acreditaron a súa competencia dixital, maioritariamente en niveis intermedios e altos. Subliñou ademais que este curso o plan reforza o papel do profesorado como piar do sistema educativo, potenciando a súa autoridade e prestixio social.