O Pleno da Deptuación aproba o reparto dos cartos do Plan de Cooperación cos concellos

O Pleno da Deputación de Lugo aprobou este martes por unanimidade a relación de actuacións e proxectos que os 67 concellos da provincia propuxeron para executar con cargo ao Plan Deputación de Cooperación cos Concellos 2025, que nesta anualidade conta con 22 millóns de euros de fondos da institución provincial. Deste xeito, o Goberno provincial sacou adiante a súa proposta a favor deste programa de investimentos, que inxecta 25 millóns de fondos públicos no tecido socioeconómico da provincia, tendo en conta as achegas dos concellos, que suman case 3 millóns.
Destacou o presidente da Deputación, José Tomé Roca, que é o quinto ano consecutivo que esta ferramenta se aproba no primeiro trimestre do ano, permitindo así aos concellos planificar as súas accións, traballar con máis previsión, aproveitar mellor os recursos e dar unha resposta máis áxil aos veciños e veciñas. Incidiu á entrada do Pleno que é un instrumento de cooperación que garante a distribución dos recursos públicos entre os 67 concellos con “criterios obxectivos e equitativos”.
A Deputada de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas, Carmela López Moreno, explicou que os concellos presentaron as súas propostas para investir estes fondos da institución provincial aos diferentes programas: investimentos; Servizo de Axuda no Fogar (SAF); reforzo do emprego; actividades culturais; actividades deportivas; actuacións e eventos turísticos; feiras e mercados; administración electrónica e protección de datos; e protección civil.
Nas peticións das entidades locais teñen prioridade os investimentos, aos que deciden dedicar máis de 16,5 millóns -case o 70% do total dos fondos-, para acometer 324 obras e subministracións; seguido da creación de emprego, á que destinan algo máis de 3,6 millóns cos que crearán 282 postos de traballo; e do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), para o que os concellos de menos de 20.000 habitantes reciben 3,3 para atender a unhas 2.000 persoas.
A Deputada incidiu en que o Plan Deputación é a mellor mostra de que a suma de esforzos, entre Deputación e os Concellos, multiplica resultados. “A día de hoxe é unha fonte de recursos fundamental para impulsar o desenvolvemento e a cohesión territorial da provincia de Lugo, a través da dotación, a mellora e o mantemento de servizos e infraestruturas públicos”.
Modificación do Orzamento
Na sesión de hoxe tamén se lle deu o visto bo a unha modificación do Orzamento da Deputación de Lugo para este ano 2025, mediante Transferencia de Crédito e Suplemento de Crédito, precisamente para poder materializar o Plan Deputación. A Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Carmela López, detallou que coa Transferencia de Crédito, se modifican as partidas orzamentarias que estaban consignadas inicialmente no Presuposto para adaptalas ás necesidades manifestadas polos concellos. E, por outra banda, co Suplemento de Crédito, incorpóranse aos Orzamentos algo máis de 10,4 millóns de euros, o que permite que a dotación económica do Plan Deputación deste ano acade os 22 millóns.
Así mesmo, acordouse a incorporación de máis 19 millóns de remanentes ao orzamento deste ano 2025 para “a amortización da débeda con 6 millóns de euros e lograr a débeda cero, algo moi importante, pero tamén para seguir reforzando a cooperación da Deputación cos concellos, e o apoio ao tecido social e económico da nosa provincia, para que poidan manter ou impulsar novas accións que contribúan a mellorar a calidade de vida e o benestar dos veciños e veciñas, así como á dinamización da actividade económica e do emprego”, detallou López, ao tempo que concretou a que estes fondos “irán destinados a distintos eidos que consideramos fundamentais para o noso territorio, como son as estradas, a cultura, a mocidade, o deporte, o medio rural, o turismo, a atención á cidadanía e as transferencias ós concellos”.
Condonación da débeda
Ademais, na sesión plenaria tamén saíu adiante unha moción do Grupo Provincial Socialista instando á Xunta de Galicia a aceptar a oferta de condonación da débeda feita polo Goberno de España, cos votos a favor de socialistas e nacionalistas e cos votos en contra dos populares. Esta medida permitiría reducir a débeda pública galega en 570 millóns de euros, liberando recursos que poderían destinarse á mellora dos servizos públicos, incluída a sanidade.
García Porto criticou a negativa do PP a aceptar esta condonación, que beneficiaría a Galicia do mesmo xeito que a outras comunidades autónomas. "O Goberno galego vai pagar este ano 1.700 millóns de euros en débeda, pero rexeita que lle perdoen 570 millóns. Isto demostra que o PP prioriza os seus intereses partidistas sobre as necesidades reais da cidadanía", afirmou a voceira socialista. “Posiblemente porque como o seu goberno non fai investimentos en sanidade, non fai investimentos en educación, non constrúe residencias públicas, non desenvolve o ferrocarril de proximidade e non remata as infraestruturas pendentes, pois ao goberno do PP dálle igual ter orzamento ou non”.
A Deputada incidiu en que Rueda ten sinalado que precisaría 500 milóns de euros para garantir a prestación dos servizos públicos no rural. Son só dous exemplos do que se podería facer cunha cantidade como a que o Goberno propón condonar”.
A RESPOSTA DO PARTIDO POPULAR
Os deputados do Grupo Provincial Popular votaron a favor do Plan Deputación para o ano 2025 “por responsabilidade e coherencia” xa que “a pesar de non ser o noso plan, é mellor contar cun Plan Deputación a non contar con ningún plan de colaboración cos concellos”.
O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, denunciou que con este Plan Deputación PSOE e BNG “poñen a dieta a máis da metade dos veciños da provincia” xa que a realidade é que o plan baixa os recursos a 32 concellos da provincia e conxélaos para case todos excepto 4.
Unha situación “totalmente inentendible” xa que “non se concibe que se baixen os recursos a tantos lucenses mentres aumenta o orzamento da Deputación nun 13% e a inflación sube nun 8%, o Plan Deputación so sube un 1%, o que significa que na práctica baixa o poder adquisitivo para todos”.
“PSOE e BNG someten aos concellos a unha dieta restritiva pero non a todos, algúns déixanlles saltala, porque hai catro nos que si aumenta a achega”, en referencia a que Monforte, Lugo, Vilalba e Viveiro ven como aumenta a achega da Deputación.
Antonio Ameijide explica que esta situación vén dada xa que “José Tomé é o xefe de cociña do plan polo que decide que concellos poden picar entre horas, é dicir, quen se salta a dieta e ver como a achega da Deputación aumenta”.
O voceiro popular recorda a proposta realizada polo PP de aumentar os fondos do Plan Deputación en 10M€ para chegar así aos 30M€ en total, destinando a este fin os fondos que PSOE e BNG destinan cada venres en xunta de goberno a convenios con concellos gobernados unicamente por socialistas e nacionalistas.
“Destinar os cartos dos convenios ao Plan Deputación é a única forma de repartir dunha forma xusta, igualitaria e transparente os fondos provinciais”, afirmou.
Antonio Ameijide recordou que PSOE e BNG aprobaron unha modificación dos orzamentos de 2025, vía suplemento de crédito, “para poder seguir engordando os cartos que destinan aos convenios a dedo cos concellos amigos”.
Unha proposta para facer unha incorporación de crédito de 19.239.655 euros dos que 7.220.000 se destinarán a convenios a dedo, o 37,5% do total. “Destes 7.2 millóns, o PSOE resérvase 4 millóns mentres que o BNG 3.220.000, unha nova mostra da dedocracia que aplican socialistas e nacionalistas na Deputación de Lugo”, sinalou.
SANIDADE
Os deputados do Grupo Provincial Popular lamentan que “PSOE e BNG voten en contra de mellorar servizos sociosanitarios aos lucenses”. Socialistas e nacionalistas negáronse a apoiar as iniciativas dos populares no pleno da Deputación de Lugo para reclamar ao Goberno de España que permita formar máis médicos e impulse outras medidas da súa competencia para paliar o déficit de médicos que afecta a todo o Estado.
Os populares afearon que “o PSOE nin sequera falara dos puntos de acordo que propoñemos e que consideramos importantes porque suporían melloras na atención primaria”.
Concretamente, a proposta do Partido Popular recolle a petición para que o Goberno de España axilice o proceso de homologación de títulos dos profesionais sanitarios, mentres non se transfira esta competencia a Galicia. “Este procedemento foi iniciado polo Goberno no 2022, polo que non entendemos que intereses poden ter en que o Goberno non avance e axilice”, engadiu.
Tamén piden incorporar de maneira inmediata as novas prazas acreditadas á oferta formativa de especialistas, modificar o Estatuto Marco para elevar ata os 72 anos a idade máxima para o exercicio da profesión médica -está sendo negociada polo Ministerio de Sanidade a implantación do réxime de xubilación activa para os que se queiran xubilar de forma voluntaria aos 70-, acelerar a implantación da especialidade de médico de urxencias -unha medida avalada por un Real Decreto promulgado polo Goberno e hai 10.000 facultativos que fixeron esta reivindicación firmando por escrito porque querían impedir a fuga de profesionais da atención primaria- e impulsar, na liña do que veñen facendo comunidades como Galicia, medidas que permitan incentivar as prazas consideradas como de difícil cobertura para así lograr a súa cobertura.
O deputado popular Francisco Balado lembrou que “a situación da atención primaria está sendo difícil en toda España por un problema de déficit de especialistas en medicina familiar e comunitaria que fai imposible cubrir baixas en caso de xubilacións, baixas e ausencias”.
Tamén se aprobou unha moción do BNG en apoio á mobilización nacional convocada pola Plataforma SOS Sanidade Pública o próximo 6 de abril en Compostela. O deputado nacionalista Daniel García acusou o Partido Popular de “non estar a altura na defensa de servizos públicos de calidade para os mariñaos e mariñás” e de ir o pasado domingo a Viveiro (a unha comida de partido) “a defender os intereses de Mariña Gueimunde e non os da Mariña Lucense”. De feito, o pasado domingo a comarca acolleu unha mobilización multitudinaria en defensa de melloras na atención primaria e hospitalaria, con 5.000 persoas nas rúas de Viveiro.