O Pleno da Deputación aproba unha Declaración Institucional polos dereitos das persoas con discapacidade

Tamén se aprobou unha moción na que se pide á Xunta que apoie os sectores máis afectados pola política arancelaria de Estados Unidos
pleno-deputacion-lugo
29 Apr 2025

A Corporación Provincial acordou este martes na sesión plenaria unha Declaración Institucional polo Día Nacional da Convención sobre Dereitos das Persoas con Discapacidade que se celebrará este sábado, 3 de maio. Todos os grupos políticos con representación na Deputación de Lugo –PSdeG, BNG e PPdeG- acordaron un texto que pretende contribuír a impulsar un cambio de perspectiva na sociedade.

“A conmemoración deste día busca sensibilizar sobre a importancia de cumprir cos tratados internacionais de dereitos humanos ratificados por España e resaltar o papel da convención como referencia clave no desenvolvemento de políticas públicas e reformas lexislativas en materia de discapacidade”, cita o texto. Dar prioridade ao recoñecemento das capacidades diferentes destas persoas, a súa vida en comunidade e o seu dereito para desenvolver o seu proxecto de vida, son algúns dos obxectivos.

Os compromisos acadados pasan por traballar para garantir a accesibilidade universal, a igualdade de oportunidades, a non discriminación e a plena inclusión das persoas con discapacidade na vida social, económica e cultural; a loita contra a discriminación laboral para que teñan as mesmas oportunidades que o resto da poboación; promover a súa participación activa na toma de decisións que afectan á súa vida; ou a unha vivenda digna, accesible e adaptada as súas necesidades.

Política arancelaria dos EEUU

O Pleno sacou tamén adiante unha moción do PSdeG para pedirlle á Xunta de Galicia que poña en marcha un plan de medidas de apoio para os sectores máis afectados pola política arancelaria de Estados Unidos que inclúa a mobilización de fondos e a apertura de novos mercados. O texto saíu adiante cos votos a favor dos socialistas e do BNG e os votos negativos do PP. Tomé Roca explicou antes do Pleno que “diante dunha situación para algúns sectores galegos que van ter dificultades, a Xunta non moveu ficha”, que o Estado puxo xa financiamento encima da mesa e que outros gobernos autonómicos tamén están actuando.

A Voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, defendeu durante a sesión e no mesmo sentido que o Presidente, que esta iniciativa axudaría a paliar os efectos dos sectores que se están a ver afectados, como o vinícola, agrogandeiro e industrial. Neste sentido Pleno deu luz verde a un texto que reclama á Xunta de Galicia que deseñe un plan de medidas de apoio para os sectores afectados pola política de aranceis de Estados Unidos; un plan que harmonice as súas medidas coas xa aprobadas polo Goberno do Estado e que inclúa: a mobilización de fondos, axudas non reembolsables para as empresas máis afectadas, un plan específico de apertura de novos mercados; e ademais que a Xunta acepte as ofertas de colaboración feitas polos partidos da oposición para colaborar no deseño do devandito plan.

Adhesión rede de entidades gandeiro-cárnica

Ademais, o Pleno acordou por unanimidade a adhesión á rede de entidades locais Gandeiro-cárnica, impulsada pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), que permitirá á institución provincial reforzar a colaboración con outras entidades para impulsar iniciativas conxuntas coa finalidade de fortalecer o sector. O Goberno levou a Pleno esta proposta tendo en conta o papel “vital” da actividade gandeira e cárnica no desenvolvemento económico, social e ambiental na provincia.

Mocións do BNG

O grupo provincial do BNG denunciou “unha estafa en toda regra” da Xunta de Galicia en relación coa redución das ratios das aulas, tras coñecerse unha instrución da Consellería de Educación para eludir o compromiso que o propio goberno do Partido Popular anunciou hai ano e medio como “histórico” para reducir o número de alumnas e alumnos por clase a 20 alumnxs, comezando por infantil.

Segundo explicaron, a circular emitida este mes de abril, e denunciada pola CIG, sindicato maioritario na educación, "enterra definitivamente o anuncio de melloras nas condicións laborais e na calidade do sistema educativo en relación coas ratios e ao burocracia ao permitir acadar ratios de 25 estudantes nas aulas de 6 de Educación Infantil - nas que según o calendario establecido pola Xunta se debería estar aplicando a redución a 20 estudantes - e en Primaria".

“En resumidas contas e seguindo as instrucións que ven de facer públicas a consellería de Educación recentemente que permite acadar ratios de 25 alumnos nas aulas de 6º de Infantil e de Educación Primaria, as ratios son as que lle dea a gana á Xunta de Galicia”, denunciou Daniel García, quen enumerou tamén diferentes incumprimentos relacionados coa redución de burocracia e condicións laborais do profesorado.

“Se estivesemos diante dunha medida seria e rigorosa en materia educativa, a obriga da administración competente sería ben nítida: dispoñer dos recursos de dotación de prazas escolares para poder facer realidade a redución de alumnado por aula”, sinalou o deputado, que lembrou outras medidas en contra da educación pública por parte do Partido Popular na Xunta, como “as portas abertas que tenderon á universidade privada antes de rematar o anterior mandato na Xunta” ou o intento de “decapitar o ano pasado o Campus Terra da USC en Lugo, usando igualmente os ratios como arma”.

O debate deuse durante a presentación dunha moción presentada polo BNG para pedir á Consellería de Educación que “reduza o calendario de aplicación da redución de ratios e facelo xa en todas as ensinanzas, fixando para as novas ratios con carácter legal a mesma validez que as ratios actualmente vixentes”.

A moción, aprobada cos votos de nacionalista e socialistas, malia a oposición do PP, tamén insta á Conselleria a recuperar o horario lectivo de 18 horas en secundaria e de 21 en primaria e reducir de forma efectiva e inmediata a burocracia que soporta o profesorado.

Apoio á manifestación pola lingua de Queremos Galego

O pleno tamén aprobou, a iniciativa do BNG e cos votos do goberno provincial, unha proposta de apoio á mobilización convocada pola Plataforma Queremos Galego para o vindeiro día 17 de maio de 2025 en Santiago de Compostela baixo o chamamento "Lingua viva xa! Paremos a emerxencia lingüística!

Na defensa da proposta, a deputada Iria Castro defendeu o dereito a falar e coñecer o galego e reivindicou o potencial das industriais culturais que medran arredor do galego como a do libro, a musical ou a audiovisual.

A proposta tamén amosa o respaldo do goberno provincial ao Proceso Lingua Vital, impulsado pola Plataforma Queremos Galego, que pretende avaliar o cumprimento dos acordos nacionais xa tomados sobre a lingua galega e os obstáculos que impediron aplicar ditas medidas, tanto do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, como da Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos ou da Carta Europea de Linguas Rexionais e Minorizadas".

Mocións do Partido Popular

Os deputados populares critican que o goberno de PSOE e BNG "siga a dar as costas aos veciños de Folgoso do Courel tras ver como votaron en contra de impulsar a construción do centro de atención a maiores comprometido en 2018 entre a Deputación de Lugo e o propio Concello".

Os deputados populares sinalan que “hoxe todos os veciños de Folgoso do Courel” puideron ver “o sectarismo” que guía ao goberno de José Tomé que “toma as súas decisións mirando unicamente a cor política que goberna cada municipio”.

Incluso, PSOE e BNG quixeron hoxe “rachar” o convenio asinado ao presentar unha emenda de substitución á iniciativa do Grupo Provincial Popular “para que en lugar de construír a residencia a Deputación (segundo establece o convenio asinado) e que sexa a Xunta de Galicia a que a construíse”.

Os populares aproveitan para “agradecer o esforzo realizado por Lola Castro e medio cento de veciños de Folgoso do Courel” que hoxe se achegaron ata o pleno provincial para escoitar de primeira man “as escusas de PSOE e BNG para seguir negando a construción da residencia comprometida hai xa 7 anos”.

Neste senso, os deputados populares afirman que “seguiremos traballando ata que PSOE e BNG cumpran con todos os veciños de Folgoso do Courel” que levan sete anos agardando a contar con este centro de atención a maiores “unha necesidade moi importante no municipio”.

"Mentres PSOE e BNG seguen negándose a cumprir co asinado en 2018, o Concello de Folgoso do Courel cumpriu con todas as obrigas que lles asignaba o convenio, entre as que se atopan a posta a disposición dos terreos, no ano 2019, e, posteriormente, a resolución da licenza de obra, o 13 de xaneiro de 2022, despois de que a Deputación de Lugo corrixise os numerosos erros detectados no proxecto que inicialmente se presentase dende o goberno provincial", dixeron.

O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, explica que “hoxe PSOE e BNG negáronse a, en primeiro lugar, cumprir coas súas competencias e manter as estradas provinciais nunhas condicións mínimas de seguridade”, pero tamén “se negaron a esixir ao Goberno do Estado o repavimentado da N-540 e a iniciar a construción da A-56 (Lugo – Ourense)”.

A realidade é que urxe o arranxo, ensanche e mellora das estradas provincias LU-P-4001 e LU-P-4002, que conectan os concellos de Antas de Ulla, Monterroso e Palas de Rei, así como tamén son as principais conexións destes municipios coa A-54.

“É preciso mellorar o mantemento destas vías, así como aumentar o seu ancho, xa que en canto a A-54 se atope completamente aberta á circulación aumentarán considerablemente a súa densidade de circulación”.

Ameijide recorda que tamén se pedía a unidade do pleno da Deputación para reclamar ao Goberno do Estado “o impulso da construción da A-56 Lugo-Ourense e prazos concretos e partidas orzamentarias” e prazos e compromisos concretos para renovar a N-540, a única conexión entre Lugo e Ourense, así como única forma que “temos os lucenses de chegar á Alta Velocidade ferroviaria”. “Xa son dous anos nos que Pedro Sánchez non parou de realizar promesas e non cumprir ningunha, os lucenses precisamos feitos e non palabras”, sentenciou.

Por outra banda, Antonio Ameijide denuncia “as constantes mentiras de José Tomé” sobre a alta velocidade ferroviaria: “a realidade é que os trens dos que presume Tomé non van a circular a máis de 220 quilómetros/hora de media entre Lugo e Ourense, rétoo a ir a un notario a asinalo e se non se cumpre o presidente da Deputación debe dimitir”.

⚙ Configurar cookies
0.10904884338379