O Pleno da Deputación de Lugo destina 5,1 millóns de euros á rede de residencias ata 2026

O Pleno da Deputación de Lugo aprobou este martes a ampliación da vixencia dos convenios da rede provincial de residencias ata xuño de 2026, co obxectivo de garantir a continuidade do servizo e a estabilidade na atención ás persoas maiores da provincia.
A medida, que contou cos votos a favor do PSdeG e do BNG e coa abstención do PP, supón un investimento de máis de 5,1 millóns de euros destinados a asegurar o funcionamento dos nove centros que conforman a rede provincial: Castroverde, A Fonsagrada, Navia de Suarna, Pedrafita do Cebreiro, Pol, Ribadeo, Ribas de Sil, Trabada e Meira.
O deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, explicou que esta segunda addenda “permite manter a estabilidade das prestacións asistenciais e planificar o gasto con previsión, sen modificar as condicións esenciais acordadas no ano 2018”.
Rivera destacou que o acordo dá marxe para renovar o marco xurídico do modelo provincial de Centros de Atención a Maiores, previsto para o vindeiro ano, sen afectar ás persoas usuarias nin aos concellos. “Falamos de garantir o funcionamento de nove residencias que representan seguridade para as familias, emprego no rural e, sobre todo, dignidade para as persoas maiores”, subliñou.
O deputado criticou ademais a falta de compromiso da Xunta de Galicia, asegurando que “a pesar de ser a administración competente, a súa política de residencias na provincia de Lugo é inexistente, sen un só proxecto novo en marcha a pesar do sobreenvellecemento da poboación”.
O modelo asistencial da Deputación é 100% público e sen ánimo de lucro, cunha aposta pola atención personalizada e o benestar das persoas maiores. Segundo destacou a institución provincial, este sistema non busca rendibilidade económica, senón mellorar a calidade de vida dos usuarios, xerando máis de 225 empregos directos e beneficiando a máis de 300 veciños e veciñas.
Propostas socialistas
Na mesma sesión, o Pleno aprobou unha proposta para instar á Xunta de Galicia a saldar a débeda de 600 millóns de euros que mantén cos concellos por asumir competencias impropias.
O presidente da Deputación, José Tomé Roca, denunciou que a Xunta ten “conxelado o Fondo de Cooperación Local desde 2010” e que o reparte “con criterios partidistas”. Segundo explicou, os orzamentos autonómicos de 2026 destinan 187 millóns de euros a este fondo, o que supón “apenas 600.000 euros por concello, unha cifra ridícula se se compara cos recursos da Administración galega, que manexa un orzamento cen veces maior ao da Deputación”.
A voceira socialista, Pilar García Porto, lembrou que a cifra da débeda foi calculada pola FEGAMP e criticou que os concellos están a asumir servizos que corresponden á Xunta, como o Servizo de Axuda no Fogar ou a gratuídade das escolas infantís municipais.
O texto aprobado reclama que os orzamentos da Xunta para 2026 incrementen o Fondo de Cooperación Local, incorporen partidas específicas para garantir a prestación de servizos no rural en igualdade co ámbito urbano e se acheguen aos 500 millóns de euros que o propio presidente Rueda estimara como necesarios.
O Pleno tamén aprobou, por unanimidade, unha moción socialista para esixir que a Escola Universitaria de Enfermaría de Lugo manteña o seu carácter de centro autonómico no caso de integrarse na Universidade de Santiago de Compostela (USC).
O presidente Tomé defendeu que “a Escola non pode ser unha sucursal doutra facultade; ten entidade e capacidade abonda para manter a súa independencia”. Pola súa banda, García Porto salientou que o campus de Lugo “é un piar de desenvolvemento e unha ferramenta de futuro que debe medrar con sentido, non minguar de xeito irreflexivo”.
Desde o PP aseguraron que “sempre defenderán a identidade de Enfermaría en Lugo” e afirmaron que “a integración no sistema universitario está consensuada”, criticando que “quen poñen en dúbida a súa continuidade son o PSOE e o BNG”.
Pola súa parte, o deputado provincial do BNG, Daniel García, reclamou á Xunta “respostas claras e inmediatas” ante a falta de información ás explotacións gandeiras sobre a xestión da dermatose nodular, despois das medidas cautelares decretadas pola Consellería do Medio Rural sobre o movemento de animais. García criticou que “as medidas chegan con tres semanas de retraso desde a detección do primeiro foco no Estado” e que “se siga permitindo o movemento de animais dende zonas afectadas como Zaragoza ou Valencia”.
Mocións do PP
O PP presentou unha moción para incorporar ao proxecto de orzamentos provinciais de 2026 as demandas dos 67 concellos da provincia, que foi rexeitada polos grupos do goberno.
O voceiro popular, Antonio Ameijide, acusou o presidente Tomé de “seguir instalado no autoritarismo e no sectarismo, negándose a escoitar aos concellos que non son da súa cor política”.
O grupo popular propuxo incrementar en 10 millóns de euros o Plan Deputación, ao considerar que é “o sistema de reparto máis xusto”, e criticou que o Goberno provincial “reparta de forma discrecional máis de 10,5 millóns en convenios cos concellos afíns”.
Entre as súas reclamacións incluíron tamén un plan de conservación da rede viaria provincial, a posta en marcha de centros de atención a maiores xa rematados ou pendentes de apertura, así como máis colaboración económica cos concellos na prestación de servizos básicos como o ciclo da auga, a recollida de animais abandonados e o impulso dos polígonos industriais e sectores produtivos.