O PP abandona o Pleno da Deputación durante a votación dos orzamentos

Antonio Ameijide, explicou que deixaban a votación do pleno “porque non queremos, nin podemos, nin imos a ser cómplices desta treta, deste engano aos lucenses”
abandono-pp-pleno-deputacion
25 Nov 2025

Os doce deputados do Grupo Provincial Popular abandonaron hoxe o pleno provincial na votación dos orzamentos para 2026 “para non ser cómplices do sectarismo e falta de diálogo” de PSOE e BNG na elaboración das contas provinciais para o vindeiro ano.

Durante a súa intervención no pleno, o voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, explicou que “dicimos non a estes orzamentos porque Lugo merece máis e os lucenses merecemos respecto” por parte de PSOE e BNG, para explicar que se ausentan da votación do pleno “porque non queremos, nin podemos, nin imos ser cómplices desta treta, deste engano aos lucenses”.

“A realidade é que a provincia non pode permitirse outro ano perdido baixo un goberno que non xestiona, non planifica e non cre no potencial de Lugo, que unicamente se preocupa por seguir comprando vontades políticas de afíns cada semana”, denunciou.

Antonio Ameijide expuxo no debate que “Lugo leva 18 anos soportando gobernos de PSOE e BNG sen proxecto, sen planificación e sen valentía, mentres a provincia precisa e reclama investimentos claros, actuais e transformadores”, unha reclamación ante a que “José Tomé, PSOE e BNG só ofrecen o contrario: sectarismo, amiguismo e parálise”.

Dende o Grupo Provincial Popular afirman que “non queremos nin podemos ser cómplices da opacidade, da falta de oportunidades que semana tras semana negan aos lucenses en xunta de goberno”. Neste senso, Antonio Ameijide confirmou que “a día de hoxe xa van, polo menos, 11 millóns de euros en convenios a porta pechada cada venres unicamente para menos da metade de veciños da provincia”.

“Non podemos ser cómplices do Goberno do desequilibro territorial, que mentres di apoiar aos concellos pequenos, a realidade amosa como os deixan abandonados. Como tampouco imos ser cómplices das mentiras como forma de goberno, de dicir na rolda de prensa que van abrir dúas residencias e na realidade non figurar orzamento nin para abrir unha”, denunciou.

Antonio Ameijide denunciou durante o pleno “o abandono” ao que PSOE e BNG someten á provincia, “especialmente a máis da metade dos veciños, unha situación da que non podemos ser cómplices”.

A realidade é que nos últimos 18 anos, PSOE e BNG xestionaron máis de 2.000 millones de euros “e teñen á provincia de Lugo peor que nunca, non imos ser cómplices do seu afundimento e de que queiran arrastrar á provincia”.

⚙ Configurar cookies
0.46304893493652