O PP critica a Pedro Sánchez por afirmar que a A-54 está operativa e acusa o Goberno de incumprir prazos

Elena Candia reclama desculpas aos lucenses e pide ao PSOE e ao BNG que se sumen á reivindicación para que o Ministerio rectifique
PP-A-54
11 Oct 2025

A presidenta provincial do Partido Popular e voceira municipal en Lugo, Elena Candia, reprochou desde Palas de Rei, acompañada por alcaldes, deputados e senadores, o “descoñecemento da realidade da provincia” por parte de Pedro Sánchez, logo de que o presidente do Goberno asegurase que “a autovía A-54 está plenamente operativa”. Candia expresou a súa preocupación porque, segundo afirmou, “todo parece indicar que non se van cumprir os prazos anunciados” para o remate da infraestrutura.

A dirixente popular tamén puxo o foco na “falta de comunicación dos representantes socialistas da provincia —tanto o presidente da Deputación como o alcalde de Lugo— co presidente do Goberno en relación con esta infraestrutura, da que deberían estar moi preocupados”. Segundo indicou, “as últimas declaracións do presidente evidencian que nin están preocupados, nin fan seguimento, nin informan correctamente ao Goberno, nin teñen interese en que se complete a autovía”.

O deputado no Congreso, Francisco Conde, instou ao presidente do Goberno a pedir desculpas aos lucenses e reclamou ao PSOE e ao BNG “que se sumen a esta reivindicación para que o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible rectifique”. Conde subliñou que, ante o incumprimento dos prazos, “Lugo precisa transparencia e un compromiso claro coa palabra dada por parte do Goberno”, facendo referencia á falta de infraestruturas de comunicación na provincia.

Pola súa banda, o alcalde de Palas de Rei, Pablo Taboada, destacou que “esta autovía é fundamental para comunicar o municipio e a comarca con Lugo e Santiago”, ademais de facilitar o paso dos camións que actualmente atravesan as vilas “causando trastornos no tráfico ordinario”. Lamentou “o estado de execución desta infraestrutura tan esperada polos veciños, que parece non ter fin”, lembrando que “as datas dadas polo ministro en febreiro están claramente incumpridas”. Taboada tamén criticou “que o señor Besteiro se alegre das desgraza da provincia” e asegurou que, por iso, “non agardamos que defenda a A-54”.

⚙ Configurar cookies
0.31497406959534