O PP de Lugo reclama ao Goberno central o pago da débeda co SAF

Alcaldes, deputados e senadores do Partido Popular na provincia de Lugo, encabezados por Elena Candia, concentráronse este luns ante a sede da Deputación para esixir ao Goberno central o abono dos 2.500 millóns de euros que adebeda aos concellos galegos para o financiamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF).
O PP denuncia que o Executivo non está a cumprir coa súa obriga legal, o que está a supoñer un sobreesforzo económico para os concellos, que deben cubrir eses gastos nun contexto no que o número de usuarios do SAF se multiplicou por oito nos últimos anos.
Ante esta situación, os populares impulsarán diversas accións reivindicativas. Este martes, os deputados provinciais defenderán unha iniciativa no pleno da Deputación para reclamar que o Estado cumpra co compromiso de financiar o 50 % da atención á dependencia. Do mesmo xeito, o Grupo Municipal do PP levará a mesma reclamación ao pleno do Concello de Lugo este xoves.
A portavoz popular, Elena Candia, lamentou que o Goberno local de Lugo non dea prioridade ao SAF, destinándolle os mesmos recursos que concellos de 15.000 habitantes, cando Lugo conta con 100.000 veciños. Subliñou que os concellos precisan que o Estado cumpra coa Lei de Dependencia, xa que moitos non poden facer fronte a estes custos sen os fondos que lles corresponden.
Pola súa parte, Antonio Ameijide, portavoz do PP na Deputación, advertiu que o Estado está incumprindo a súa obriga legal e que, mentres non pague o que debe, a atención aos dependentes non será a que lles corresponde por dereito, malia os esforzos da Xunta e das administracións locais. Destacou que nos últimos anos o número de persoas dependentes pasou de 15.000 a 77.000, as prazas en residencias triplicáronse, os centros de día multiplicáronse por seis e o SAF pasou de 3.000 a 24.000 usuarios.
O alcalde de Castro de Rei e deputado provincial, Francisco Balado, advertiu que esta situación está afogando economicamente os concellos e obrigando á Xunta a desviar fondos doutros servizos sociais para compensar o impago do Estado. "Isto non é unha cuestión de ideoloxía, senón de cumprir a lei", afirmou.
Ademais, os populares denuncian que o Goberno central reduciu as achegas comprometidas para a dependencia, incrementando a débeda con Galicia en 12,3 millóns de euros só polas contías mínimas. O novo decreto estatal obrigou a reformular a normativa autonómica sen prever financiamento suficiente, xerando un sobrecuste anual de 80 millóns de euros para Galicia. O PP critica que o Executivo tomou estas decisións sen consultar cos concellos sobre a súa capacidade para asumir este incremento de servizos.
A Xunta viuse obrigada a aumentar os complementos autonómicos para evitar que os usuarios galegos tivesen que pagar máis polos mesmos servizos. Ante esta situación, os populares urxen ao Goberno a saldar a débeda e a garantir un financiamento xusto para a atención á dependencia en Galicia.