O PP de Lugo reclama recuperar o título de Festa de Interese Turístico Nacional para As San Lucas de Mondoñedo

Os senadores populares preguntarán polos motivos da perda do recoñecemento e piden activar os trámites para devolverlle a distinción a unha das celebracións máis antigas de Galicia
San-Lucas-de-Mondoñedo
25 Oct 2025

Os senadores do Partido Popular de Lugo —José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano— expresaron a súa fonda preocupación pola situación actual das Festas de As San Lucas, en Mondoñedo, un dos eventos máis emblemáticos de Galicia, que na actualidade carece do título de Festa de Interese Turístico Nacional.

A petición do alcalde mindoniense, Manuel Otero, os representantes populares na Cámara Alta formularán unha pregunta para coñecer as razóns polas que desapareceu este recoñecemento oficial, ao tempo que instarán a activar con urxencia os procedementos necesarios para recuperar a distinción.

As San Lucas celebran unha tradición practicamente ininterrompida desde o ano 1156, cando o rei Afonso VII concedeu á vila mindoniense o dereito a organizar unha festa de oito días. Ao longo de case nove séculos, consolidouse como unha cita única que combina a exaltación do gando, a cultura tradicional e a promoción do tecido agrícola e rural galego, converténdose nunha das feiras máis antigas de Galicia, se non a que máis.

En recoñecemento á súa relevancia histórica, cultural e económica, As San Lucas obtiveron oficialmente o título de Festa de Interese Turístico Nacional, segundo recolle o Boletín Oficial do Estado número 98 do 24 de abril de 1969. Porén, na actualidade este recoñecemento non figura vixente, unha circunstancia que os senadores populares consideran “incomprensible” e que, segundo sinalan, supón a perda dunha distinción que durante décadas avalou a importancia desta celebración.

Os representantes do PP de Lugo reafirmaron o seu compromiso coa defensa, promoción e posta en valor das Feiras das San Lucas, subliñando que é imprescindible garantir que esta celebración histórica continúe a ser recoñecida como un elemento singular do patrimonio festivo e etnográfico tanto de Galicia como do conxunto de España.

⚙ Configurar cookies
0.32378721237183