O PP pide ao Goberno de Sánchez un plan de choque para frear o peche das peixarías

Os populares reclaman medidas fiscais, formación e impulso á dixitalización para asegurar o futuro do sector
Presidenta-e-senadores-PP-Lugo-Praza-Abastos
10 Nov 2025

O Partido Popular instou ao Goberno de Pedro Sánchez a poñer en marcha “un plan de choque que evite o peche sistemático das peixarías tradicionais e garanta o seu relevo xeracional”.

A proposta foi presentada durante unha visita á Praza de Abastos de Lugo na que participaron a presidenta provincial e voceira municipal do PP, Elena Candia, o portavoz de Pesca do PP no Senado, Manuel Ruiz, e os senadores lucenses José Manuel Balseiro —integrante da Comisión de Pesca e encargado de defender a iniciativa este martes—, José Manuel Barreiro e Juan Serrano.

Os populares avanzaron que farán valer a súa maioría na Cámara Alta para aprobar a proposta coa que demandan ao Executivo central medidas de apoio fiscal aos emprendedores, facilidades para a apertura e transmisión destes negocios, programas de formación, impulso á dixitalización e á venda en liña, así como accións en favor da sustentabilidade. O plan tamén debería incluír a mellora da formación dual, a redución da burocracia, a rebaixa do IVE do peixe e o reforzo de campañas que fomenten o consumo e poñan en valor as especies máis accesibles economicamente.

Manuel Ruiz advertiu da urxencia de actuar “de forma inmediata”, lembrando que nos últimos tempos pecharon 5.000 peixarías —un terzo do total— e que “a sangría non parece diminuír”. O portavoz de Pesca do PP no Senado explicou que o sector enfróntase a unha combinación de factores estruturais e conxunturais que explican esta situación: “menos consumo polos cambios nos hábitos alimentarios, máis competencia da gran distribución, custos altos, excesiva burocracia e falta de relevo xeracional”.

Desde o grupo popular sinalaron que na análise de cada un destes problemas “atoparanse as posibles solucións para garantir a continuidade dunha actividade esencial na comercialización dos produtos pesqueiros”. Engadiron ademais que Galicia está a promover campañas para impulsar o consumo de produtos do mar e recoñecer o esforzo dos traballadores do sector. Como exemplo, destacaron o programa Bono Peixe, posto en marcha pola Xunta no último ano, que incentivou hábitos de consumo saudables e foi empregado por máis de 146.000 persoas, xerando un impacto económico de preto de 11 millóns de euros en vendas.

A Xunta ten reclamado en numerosas ocasións ao Goberno de Sánchez a rebaixa do IVE do peixe, unha demanda que —segundo os populares— segue sen atopar resposta por parte do Executivo central.

⚙ Configurar cookies
0.35181617736816