O PP reclama a Tomé que o Plan de Estradas só actuará no 9 % da rede provincial

O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, explica que “non vemos por ningures” o éxito do que presume José Tomé trala presentación do segundo plan de mellora de estradas provinciais para 2025.
Antonio Ameijide sinala que “se para PSOE e BNG é un éxito actuar unicamente no 9% dos 4.217 quilómetros” da rede viaria provincial “temos un serio problema xa que o abandono de case dúas décadas non aparece só no 9% dos quilómetros, senón na práctica totalidade dos 4.217”.
Este segundo plan anunciado por José Tomé contempla actuar unicamente en 120 quilómetros polo que “a palabra fracaso é máis axeitada que éxito”.
Entre ambos plans investiranse no arranxo das estradas provinciais 15,5 millóns de euros, “aínda moi lonxe das cantidades das que presumiron no seu día PSOE e BNG”, recordando Antonio Ameijide como é preciso “un investimento moito maior e un plan serio para poñer fin a case dúas décadas de abandono e unha total falta de mantemento na rede viaria provincial.
Antonio Ameijide recorda como dende que comezou o mandato reclamamos a PSOE e BNG a posta en marcha dun plan de actuación na totalidade da rede viaria provincia, actuando primeiro ou dando prioridade a aquelas estradas nas que non se actuara durante máis tempo ou que por motivos de urxencia e seguridade precisasen dunha renovación inmediata. “Todas as veces que reclamamos a posta en marcha deste plan, xusto e igualitario, PSOE e BNG sempre votaron en contra e agora queren vender parches como a gran solución”, denunciou.
Ademais, o voceiro provincial popular recorda como a proposta de destinar a metade dos 21 millóns de euros extra procedentes da recadación dos impostos do Estado á mellora da rede viaria provincial “caeu en saco roto” xa que tamén se negaron a esta petición, como á petición defendida en novembro para renovar 90 estradas provinciais en 15 concellos do sur da provincia.
“Os plans que se estudan e defenden dende o PP teñen o consenso da veciñanza e teñen en conta as necesidades de cada municipio, mentres que PSOE e BNG se basean unicamente en afinidades políticas e amizades”, explicou.
Segundos os datos publicados por PSOE e BNG entre os dous plans anunciados seguirán sen actuar na totalidade dos concellos da provincia, quedando ata 12 nos que non se actuará nin nun metro: Alfoz, Becerreá, Burela, Cervo, Folgoso do Courel, O Incio, O Páramo, Quiroga, Ribas de Sil, Samos, O Valadouro e Viveiro
Dende o Grupo Provincial Popular recordan que “estas actuacións son unha pequena vitoria pero a guerra segue porque aínda restan moitas estradas provinciais e moitos quilómetros que son perigosos e presentan serios problemas para a circulación, provocando picadas nas rodas, roturas nos vehículos e ata accidentes”.
Neste senso, os deputados populares sinalan que “seguiremos apoiando as xustas reclamacións dos veciños da provincia xa que a rede viaria provincial é moi perigosa unicamente polo abandono e a falta de traballo de PSOE e BNG durante case dúas décadas”.