O PP reclama ao Goberno a licitación de novas áreas de servizo na A-54 en Palas de Rei

A iniciativa, que levarán ao Senado os senadores lucenses, busca mellorar a seguridade e xerar emprego, aproveitando terreos xa preparados e con empresas interesadas
PP-área-servizo-A-54
14 Oct 2025

O Partido Popular de Lugo instará ao Goberno de España a licitar o contrato de servizos para a execución e explotación de novas áreas de servizo en ambas marxes da autovía estatal A-54 ao seu paso polo municipio de Palas de Rei.

Os senadores lucenses José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano defenderán esta proposta na Cámara Alta, onde o Grupo Popular conta con maioría absoluta, o que garante a aprobación dunha demanda trasladada polo alcalde, Pablo Taboada, ao Executivo central.

O rexedor recorda que “o anteproxecto para a construción dunha área de servizo no p.k.36 da A-54, preto do Centro de Conservación de Carreteras do Estado, data do ano 2017, co Goberno de Rajoy”.

Con todo, nunha resposta recente, o Goberno de Sánchez rexeitou a súa construción ao considerar que non circulan vehículos suficientes pola autovía, un argumento que os populares atribúen aos incumprimentos do propio Executivo sobre a finalización da A-54, pendente aínda do tramo entre Melide e Arzúa. “Como é lóxico, ao non estar en funcionamento na súa totalidade, o volume de tráfico tampouco é o mesmo que se estivese rematada”, sinalan.

Pablo Taboada subliña a importancia desta área de servizo para Palas de Rei: “Non só permitirá aos usuarios da autovía facer descansos —o anteproxecto recollía aparcadoiro para máis de 100 camións en ambas marxes—, senón que tamén creará postos de traballo e ofrecerá un servizo para os veciños e veciñas dispoñible 24 horas”.

Os populares destacan que a dotación non implicará gastos, xa que os terreos están preparados e existen empresas interesadas en explotala, polo que consideran que “o Estado debería deixar que fosen as empresas as que avaliaren a súa viabilidade económica”. Ademais, denuncian que a A-54 carece doutras dotacións como paneis informativos, iluminación en nós de ligazón ou carteis de información turística nos concellos polos que transcorre a vía, o que evidencia, segundo o PP, “abandono e desinterese dos responsables actuais do Goberno de España”.

⚙ Configurar cookies
0.36748695373535