O PP reclama ao Goberno central que garanta solo empresarial na provincia

Os senadores do Partido Popular, José Manuel Balseiro, José Manuel Barreiro e Juan Serrano, alertan da grave falta de espazo para o desenvolvemento económico
PP-no-polígono-do-Morelle
12 Mar 2025

Os senadores do Partido Popular, José Manuel Balseiro, José Manuel Barreiro e Juan Serrano, alertan da grave falta de solo empresarial na provincia e critican que o Goberno de España non estea comprometido coa súa ampliación, poñendo en risco o desenvolvemento económico e a implantación de novas empresas.

A resposta escrita do Executivo de Sánchez a unha pregunta formulada polo PP na Cámara Alta confirma que practicamente non queda solo dispoñible nos parques empresariais da provincia de Lugo que dependente do Estado a través da sociedade Suelo Empresarial del Atlántico (SEA) e da Entidade Pública Empresarial del Suelo (Sepes).

Dos parques empresariais xestionados por SEA, en Monforte de Lemos e Chantada só queda unha parcela dispoñible en cada un, en Rábade xa non hai ningún terreo en venda e en Mondoñedo permanecen 18 parcelas dispoñibles. Pola súa parte, os parques dependentes directamente de Sepes tampouco ofrecen solucións inmediatas: en Ribadeo hai 39 parcelas en comercialización, mentres que en Sarria a segunda fase do parque industrial de Morelle segue pendentes de urbanización.

O PP de Lugo denuncia que esta falta de solo empresarial está a poñer en risco a atracción de investimentos e a creación de emprego na provincia. “O Goberno de España leva anos demostrando o seu total desinterese polo desenvolvemento industrial de Lugo. Non hai planificación, non hai proxectos concretos, só promesas baleiras mentres se esgota o solo dispoñible”, critican os senadores populares.

A única medida anunciada polo Executivo é ampliación do polígono de Monforte e a elaboración dun estudo de viabilidade para Rábade, pero o PP considera que estas actuacións chegan tarde e non cobren as necesidades actuais. “As empresas precisan solo xa, non dentro de anos. Lugo non pode seguir esperando pola lentitude do Goberno de Pedro Sánchez”, engaden os populares.

Ante esta situación, o Partido Popular de Lugo demanda ao Goberno de España un compromiso real e inmediato co desenvolvemento industrial da provincia. Entre as medidas que propoñen están a aceleración das ampliacións dos polígonos, a urbanización da segunda fase de Morelle en Sarria e a posta en marcha de novos espazos empresariais en zonas estratéxicas.

“O futuro económico de Lugo está en xogo e o Goberno de España está a darlle as costas. Se non se toman medidas urxentes, moitas empresas buscarán outras localizacións, levando consigo investimentos e empregos que a nosa provincia non pode permitirse perder”, conclúen os senadores do PP.

⚙ Configurar cookies
0.13619995117188