O PP reclama no Parlamento o apoio á candidatura de Lugo para acoller a Axencia Estatal de Saúde Pública

O Grupo Popular solicitará o respaldo do Parlamento de Galicia á candidatura de Lugo como sede da futura Axencia Estatal de Saúde Pública, unha entidade que, segundo destacou o portavoz Alberto Pazos, contribuír ao desenvolvemento institucional de Galicia e á consolidación da cidade como referente na prevención, control e vixilancia das enfermidades, así como na protección e promoción da saúde.
O deputado subliñou que se trata dun organismo esencial para fortalecer o sistema nacional de saúde, mellorar a coordinación entre administracións e reforzar as políticas de saúde pública en todo o Estado.
Pazos explicou que Lugo presenta unha serie de condicións que a converten nunha ubicación idónea para acoller esta sede, non só pola súa situación privilexiada no noroeste peninsular, senón tamén polo seu tecido académico e científico. Entre os argumentos destacou a traxectoria da universidade no ámbito biosanitario, o papel do Laboratorio Central de Saúde Pública como referente estatal en seguridade alimentaria e o peso dos novos servizos sanitarios da cidade, entre eles o Centro Integral de Saúde e o Hospital Lucus Augusti.
O portavoz lembrou que a proposta está a ser impulsada intensamente pola deputada popular Elena Candia e insistiu en que a descentralización de organismos estatais representa unha oportunidade para fortalecer a cohesión territorial e abrir novas vías de desenvolvemento para as cidades do interior. “Lugo merece esta oportunidade e estamos a traballar para que a implantación desta axencia sexa unha realidade”, afirmou.
Pazos apelou ao compromiso do resto de grupos da Cámara galega e pediu o máximo apoio posible para que Lugo poida iniciar unha etapa de decisións favorables por parte do Goberno de Pedro Sánchez, tras episodios que, ao seu xuízo, supuxeron obstáculos relevantes para a provincia. Referiuse así á perda de proxectos industriais, á desconexión eléctrica da provincia vinculada ao rexeitamento do proxecto de Altri, aos atrasos na construción das autovías cara a Santiago e Ourense, á chegada do tren de alta velocidade ou ás melloras pendentes nos servizos de proximidade.