O PP reúnese con APE Galicia para apoiar as demandas dos autónomos e presentar o seu plan integral

Barreiro, Balseiro e Serrano comprométense a defender un marco fiscal máis xusto e a aplicar medidas que reduzan impostos, burocracia e melloren o relevo xeracional
Reunión-senadores-con-APE-en-Lugo
25 Oct 2025

Os senadores do Partido Popular por Lugo, José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano, mantiveron unha reunión co presidente da Asociación de Autónomos e Pequenas Empresas APE Galicia, José Ramón Caldas, os vicepresidentes por Lugo e Pontevedra, Luis Abelleira e Silvia Crespo, e o secretario da Asociación Provincial de Reparación e Venda de Automóbiles e Recambios (APREVAR), Luis Montouto. O encontro serviu para coñecer de primeira man as principais demandas do sector, que reclama un marco fiscal máis xusto, e para trasladarlles o apoio do PP da provincia.

Os populares mostraron o seu rexeitamento a unha nova suba de impostos aos autónomos, que cualificaron como “un castigo do Goberno de Sánchez de especial impacto para a nosa provincia”, lembrando que en Lugo existen entre 38.000 e 39.000 traballadores por conta propia. Ante a elevada carga fiscal, as cotizacións e a burocracia que afrontan os pequenos empresarios, os senadores advertiron que “non é xusto que o Goberno de Pedro Sánchez asfixie a quen traballa”, xa que “a nosa economía sostense sobre o esforzo de miles de autónomos que cada día levantan o país”.

Entre as peticións formuladas polos representantes de APE Galicia figura a creación dunha canle de comunicación permanente cos autónomos da provincia e a trasposición da Directiva Europea para aplicar o chamado IVA franquiciado, medida incluída na proposta do PP que beneficiaría a máis do 50% dos autónomos lucenses, entre 18.000 e 19.000 persoas.

Durante o encontro, os senadores aproveitaron tamén para presentar en Lugo o Plan Integral de Autónomos do Partido Popular, co que o Grupo Popular, facendo valer a súa maioría absoluta no Senado, instou o Goberno de España a adoptar medidas centradas en tres eixos fundamentais: baixar impostos, reducir a burocracia e garantir a formación e o relevo xeracional.

O plan presentado por Alberto Núñez Feijóo inclúe medidas concretas como a exención do pago do IVA para autónomos con ingresos inferiores a 85.000 euros anuais, a substitución da declaración trimestral por unha anual, a ampliación da figura do autónomo colaborador aos non familiares en casos de sucesión e a creación do contrato ‘O autónomo forma’, que ofrecería as vantaxes dun contrato de aprendiz pero sen a burocracia asociada á formación.

Outras propostas recollidas no plan son a flexibilización dos requisitos para acceder á prestación por cese de actividade, o aprazamento de cotas, a devolución automática dos excesos por sobrecotización en situacións de pluriactividade, o impulso do relevo xeracional mediante a transmisión de negocios sen sucesión e a creación da ‘Universidade do Autónomo’ para promover o emprendemento e apoiar a creación da primeira empresa. O documento tamén contempla a simplificación de trámites administrativos e medidas para que os autónomos con dereito a pensión que teñan débedas coa Seguridade Social poidan acceder á prestación que lles corresponde.

⚙ Configurar cookies
0.24022388458252