O PP rexeita a ILP por unha CRTVG plural e é acusado de usar os medios públicos como propaganda

O Partido Popular rexeitou no Parlamento de Galiza a Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) Liberemos a Galega, presentada con 24.000 sinaturas e promovida por unha plataforma de organizacións sociais, culturais, sindicais e profesionais. A proposta buscaba garantir uns medios públicos galegos plurais, independentes e ao servizo da cidadanía.
Durante o debate, a xornalista Tereixa Navaza defendeu a iniciativa en nome da comisión promotora, lembrando que a sociedade galega “reclama o seu dereito a unha información veraz”. Criticou que a CRTVG actuase como “terminal de propaganda” do PP, tanto na cobertura da vaga de lumes como en episodios anteriores como a catástrofe do Prestige, e lanzou o berro de “Manipulación Nunca Máis”.
No exterior do Parlamento, centos de persoas concentráronse para reclamar unha CRTVG pública e plural, ao tempo que desde a bancada de convidadas e convidados se escoitaron berros de protesta antes de seren desaloxados.
A ILP defendía, entre outras cuestións, o respecto á obxectividade e imparcialidade, a recuperación da cobertura territorial e desconexións locais, a defensa da lingua e cultura galegas, a igualdade e a diversidade nos contidos, así como garantir os recursos necesarios para cumprir a súa misión de servizo público.
PSOE e BNG apoiaron a iniciativa. A deputada nacionalista Olalla Rodil acusou ao PP de “converter os medios públicos na súa terminal de propaganda” e denunciou que fixera coincidir o debate coa comparecencia do presidente Rueda para falar dos lumes co obxectivo de restarlle relevancia.
Finalmente, o PP anunciou o seu voto en contra e abandonou en bloque a cámara, deixando baleiros os escanos do goberno. Na súa réplica, Navaza concluíu que “o que é previsible nesta cámara, case nunca é o correcto”.