O PPdeG leva a Europa a preocupación polos residuos nucleares no Atlántico fronte á costa galega

A intervención destes representantes populares en Bruxelas subliña a necesidade de maior vixilancia ambiental e transparencia
ppdeg-europa
30 Jun 2025

Os eurodeputados galegos do Partido Popular, Francisco Millán Mon e Adrián Vázquez Lázara, veñen de trasladar á Comisión Europea unha pregunta parlamentaria en relación coa presenza de residuos radioactivos en augas internacionais do Océano Atlántico, ao noroeste da costa galega. A iniciativa chega tras coñecerse os primeiros datos da expedición científica do buque oceanográfico francés L’Atalante, que ten como obxectivo localizar e cartografar os bidóns con residuos nucleares depositados por distintos países europeos na segunda metade do século XX e avaliar o seu impacto na chaira abisal atlántica.

Millán Mon e Vázquez fixéronse eco da preocupación que esperta esta situación tanto no ámbito ambiental como no social e destacaron o papel que debe asumir a UE na defensa dos mares e das comunidades costeiras. "O Pacto Europeo polos Océanos pon de manifesto que a protección dos océanos, a promoción dunha economía azul próspera e resiliente, así como o benestar das comunidades costeiras, son obxectivos prioritarios para a comunidade internacional e, en especial, para a UE", lembran os eurodeputados.

Neste contexto, preguntan á Comisión se tiña coñecemento previo da devandita expedición científica e se mantén algún tipo de coordinación coas autoridades francesas para facer un seguimento do estudo e coñecer os seus avances. Así mesmo, solicitan información sobre o nivel de coñecemento que posúe o Executivo comunitario respecto a posibles verteduras que puidesen provocar un incremento significativo dos niveis de radiactividade e que afecten ás augas europeas.

A intervención dos representantes galegos en Bruxelas subliña a necesidade de maior vixilancia ambiental e transparencia arredor dun tema que podería ter consecuencias serias para o ecosistema mariño e para sectores como a pesca ou o turismo en Galicia.

⚙ Configurar cookies
0.24237680435181