O proxecto de Altri será arquivado tras quedar fóra da rede eléctrica estatal

Greenfiber, promotora de Altri, considera como "política" a decisión de non incluír o proxecto na planificación eléctrica e mantén que seguirá estudando alternativas de conexión á rede
Render-Detalle-Proyecto-Paisajísto-GAMA-Altri
20 Feb 2026

O proxecto de Altri quedará arquivado por parte da Xunta despois de que o Goberno central decidise excluílo da planificación da rede eléctrica, un paso imprescindible para garantir a subministración enerxética necesaria para a planta prevista en Palas de Rei.

Así o anunciou a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, quen avanzou que o Executivo autonómico procederá ao arquivo do expediente ao terse esgotado o prazo legal de tres meses sen que a compañía completase as esixencias técnicas requiridas.

Segundo explicou, a decisión está directamente ligada á imposibilidade de acceder á conexión coa subestación eléctrica correspondente. A conselleira subliñou que era competencia do Goberno central facilitar ese acceso á rede, e advertiu de que sen esa infraestrutura o proxecto non pode seguir adiante. “O arquivo e a caducidade están vinculados á falta de conexión; se non existe enlace coa subestación, a iniciativa queda automaticamente arquivada”, indicou.

Lorenzana, con todo, non descartou totalmente que a proposta industrial poida reactivarse máis adiante, aínda que recoñeceu que o escenario é complexo. Recordou que a seguinte planificación eléctrica non se abordará ata dentro de catro anos, polo que, segundo sinalou, ata 2030 —data na que se aprobaría o novo plan— a provincia de Lugo non poderá incorporar novas industrias que dependan deste tipo de conexión á rede.

REACCIÓN DE GREENFIBER, PROMOTORA DE ALTRI

Con respecto ás declaracións da Conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, sobre o proxecto Gama que Altri impulsa en Palas de Rei a través da súa filial Greenfiber, a empresa quere manifestar que a exclusión do proxecto da planificación eléctrica do Estado carece de xustificación técnica e responde a motivos políticos, xa que non se lle presentou ningún informe que avalase a decisión.

Greenfiber sinala que presentou alegacións á planificación de rede, que aínda non recibiron resposta por parte do Ministerio, e que actualmente está a estudar diferentes opcións técnicas para conectar o proxecto á rede eléctrica, independentemente da planificación futura de Red Eléctrica Española. No que respecta ao procedemento administrativo, a empresa asegura que actuou con máxima dilixencia, entregando toda a documentación requirida e permanecendo á espera dunha decisión da Consellería de Medio Ambiente sobre a Autorización Ambiental Integrada (AAI), trámite que non depende da conexión eléctrica.

A compañía indica tamén que está a analizar a comunicación da Xunta sobre o inicio do procedemento de arquivo do expediente e, se é necesario, presentará as alegacións que considere oportunas. Greenfiber reafírmase na madurez do proxecto e no valor que pode achegar á economía, ao territorio e ao sector forestal galego, un recoñecemento avalado pola Unión Europea mediante o selo STEP, que lle outorga a consideración de proxecto estratéxico para Europa.

DECLARACIÓNS DESDE O PSOE

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, cualificou o arquivo do proxecto da macrocelulosa de Altri por parte da Xunta como “unha victoria para Galicia fronte a un proxecto que o país nin quería, nin necesitaba”. Para o líder socialista, esta decisión tamén evidencia “o fracaso da política industrial de Alfonso Rueda”, lembrando que Altri era “o seu proxecto estrela, o mascarón de proa co que se relacionaba ao Partido Popular co desenvolvemento industrial en Galicia”.

Besteiro afirmou que o presidente da Xunta “debe dar explicacións e pedir perdón polo apoio a un proxecto frustrado desde os seus inicios”. Recordou que os socialistas defenderon desde o principio que a macrocelulosa debía cumprir parámetros económicos, sociais e medioambientais, concluíndo que non se trataba dun proxecto beneficioso para Galicia. A marcha atrás da Xunta, explicou, foi consecuencia directa das negativas do Goberno central, que pronunciou un “triple non” ao proxecto: aos PERTE de descarbonización, ás axudas extraordinarias e á súa inclusión na planificación eléctrica 2025-2030, impedindo así a súa conexión á rede.

O secretario xeral denunciou que Altri se vendeu como “un proxecto tractor”, cando na práctica era “unha operación política sen base industrial sólida” e “un novo bluff de Alfonso Rueda”. Exixiu transparencia inmediata e reclamou información sobre os compromisos da Xunta coa empresa no marco dun acordo que se nega a facer público, así como os incentivos, garantías públicas ou promesas económicas, fiscais ou administrativas implicadas e o seu posible custo para os galegos.

Ademais, anunciou que o PSdeG acudirá á vía xudicial para esclarecer o acordo e reiterou a petición dunha comisión de investigación no Parlamento, con comparecencias de Alfonso Rueda, Alberto Núñez Feijóo e Francisco Conde, ao considerar que a operación se iniciou no seo do Partido Popular.

⚙ Configurar cookies
0.30861806869507