O PSdeG alerta de que o emprego medrou en Galicia a metade que en España no último ano

Abel Losada alerta de que a creación de emprego foi a metade que en España e responsabiliza ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, da falta dun proxecto económico sólido
Abel Losada
4 Feb 2026

O PSdeG advertiu do menor dinamismo do mercado laboral galego en comparación co conxunto do Estado, tras coñecerse os últimos datos de afiliación á Seguridade Social e paro rexistrado.

O secretario de Economía e Facenda dos socialistas galegos, Abel Losada, sinalou que no último ano a creación de emprego en Galicia foi, en termos porcentuais, aproximadamente a metade da rexistrada no conxunto de España.

Segundo detallou, mentres no Estado se contabilizaron 478.000 persoas afiliadas máis á Seguridade Social, cun incremento do 2,3 %, en Galicia o aumento foi de só 16.700 afiliacións, o que supón un crecemento do 1,5 %. “Estes datos amosan claramente un menor dinamismo da economía galega”, advertiu.

Losada lembrou que xa a Enquisa de Poboación Activa reflectira unha evolución máis feble do emprego en Galicia, especialmente no sector industrial, que cualificou como “un elemento central para calquera estratexia de recuperación económica sólida”.

O responsable socialista puxo tamén o foco na evolución do paro rexistrado. Explicou que tradicionalmente Galicia reducía o desemprego a maior ritmo ca o conxunto do Estado debido ás súas condicións demográficas, pero advertiu de que esa vantaxe está a desaparecer. “O paro está a baixar practicamente ao mesmo ritmo que en España, malia que aquí a poboación está estancada”, sinalou.

Para Losada, esta situación resulta “especialmente preocupante” e evidencia unha ralentización da actividade económica en Galicia. Un escenario que, ao seu xuízo, responde á falta dun proxecto económico claro por parte do Goberno galego.

“O que reflicten estes datos é a ausencia dun plan económico potente, ben planificado e capaz de aproveitar os importantes recursos que chegan tanto de Europa como do Goberno de España”, concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.31893110275269