O PSdeG denuncia que liñas de autobús entre Betanzos e as cidades da Coruña e Ferrol non cumpren coa frecuencia establecida

Lembran que é unha liña moi utilizada e esixen á Xunta que tome medidas ao respecto
Silvia Longueira
4 Dec 2025

O grupo parlamentario do PSdeG-PSOE denunciou no Parlamento de Galicia da “falta total de regularidade nos horarios” das liñas de autobús que conectan Betanzos con A Coruña e Ferrol, unhas rutas que “aparentan estar en funcionamento, pero non cumpren coa frecuencia establecida”.

A deputada socialista Silvia Longueira destacou que “o habitual é chegar a unha parada e esperar máis de media hora, ou mesmo non poder subir ao autobús porque vai cheo e non poñen outro”, o que deixa “a pasaxeiros en terra e obríganos a trasladarnos en taxi”. Ademais, lembrou a “situación especialmente preocupante” de “nenos e nenas que teñen que perder horas lectivas por non contar con transporte ao final das clases”.

Longueira recordou que “o Concello denunciou esta situación hai meses ante a Xunta de Galicia, que fai oídos xordos ante esta indefensión da cidadanía de Betanzos”. Por iso, anunciou que presentará unha iniciativa parlamentaria para instar á Xunta a “inspeccionar as incidencias da liña de autobuses A Coruña-Betanzos, dando conta a esta cámara no prazo dun mes dos retrasos e das anulacións dos servizos de transporte”.

Ademais, o texto reclama “repoñer de inmediato as frecuencias de autobús da liña A Coruña-Betanzos nos tramos horarios de maior demanda para acudir e regresar do traballo entre ambas as poboacións”.

⚙ Configurar cookies
0.34096789360046