O PSdeG pide á Xunta transporte escolar garantido e un protocolo áxil para atender queixas

O Grupo Socialista reclamou hoxe no pleno do Parlamento de Galicia que a Xunta garanta transporte escolar a todo o alumnado que o precise. A través dunha moción, o deputado Julio Abalde instou tamén ao Goberno galego a establecer un protocolo de resolución das queixas presentadas polas familias, co obxectivo de que todas reciban resposta nun prazo inferior a un mes.
Abalde criticou que o Executivo de Alfonso Rueda non dera resposta á multitude de reclamacións provocadas polo novo modelo de mobilidade, que unificou todos os transportes por estrada. Segundo explicou, esta decisión xerou numerosas deficiencias tanto no transporte metropolitano como no escolar, o que motivou que asociacións de nais e pais denunciaran incumprimentos de horarios, buses que non chegaban ás paradas, falta de prazas suficientes ou mesmo carencias nas medidas de seguridade.
O deputado socialista puxo como exemplo que houbo grupos de escolares que perderon “ata unha hora de clase semanal” por mor destas deficiencias, algo que considerou inxustificable e prexudicial para a calidade educativa. Ademais, acusou á Xunta de fomentar un oligopolio no sector, xa que a unificación do modelo “anulou a competencia e provocou a desaparición de pequenas empresas”.
Por iso, o PSdeG reclama que se remita á Cámara autonómica o informe das adxudicacións para comprobar se realmente se está a favorecer o acceso das pemes á contratación pública, tal e como establecía o obxectivo inicial.
Abalde solicitou tamén que, con carácter trimestral, o Goberno galego presente un informe sobre o número de queixas relacionadas co transporte escolar, detallando cantas foron atendidas, cantas deron lugar á apertura de expedientes por incumprimento das condicións do servizo e as razóns ou sancións aplicadas.