O PSdeG presenta un Plan de accións nos terreos afectados polos lumes e acusa ao PP de “non querer gobernar o rural”

O Grupo Socialista anunciou hoxe un Plan de accións sobre o terreo afectado polos lumes forestais de agosto, coa intención de propoñer, acompañar e fiscalizar á Xunta de Galicia. A portavoz de Medio Rural, Lara Méndez, advertiu que “non podemos permitir que os lumes acaben en promesas que se esquecen en setembro e outubro porque para o PP só existen cando arde o monte”.
Este plan arrincará o domingo en Vilamartín de Valdeorras, un dos lugares máis afectados polos incendios. Méndez destacou que o PSdeG “acompaña á xente que perdeu bens, patrimonio natural e parte da súa historia” e esixiu ao PP que cumpra cos compromisos adquiridos. Tamén avanzou unha batería de propostas para “devolverlle vida ao rural”, apoiando ás comunidades e profesionais, impulsando unha economía verde e poñendo en valor uns recursos que, segundo denunciou, “o PP leva anos abandonando”.
A portavoz de Política Forestal, Carmen Rodríguez Dacosta, lembrou o ditame de 123 medidas aprobado en 2018 tras a vaga de lumes de 2017, que cualificou de “papel mollado” polo incumprimento da Xunta. Criticou que “os incendios de nova xeración non se apagan en agosto con helicópteros, evítanse en xaneiro, febreiro e marzo con prevención e coidado do monte”, e acusou ao PP de desoír as advertencias durante meses.
Rodríguez Dacosta anunciou ademais unha rolda de encontros cos alcaldes, veciños e colectivos profesionais que traballan sobre o terreo, porque “escoitalos é fundamental para deseñar unha política forestal eficaz e realista”. Subliñou que o PSdeG non permitirá que “a Xunta siga convertendo o rural en cinza e abandono” e reclamou “unha política forestal á altura do que Galicia merece”.