O PSdeG reafirma a súa política de “tolerancia cero” coas vítimas de violencia machista e aseguran que “confían na investigación”

O PSdeG reafirma o seu apoio ás vítimas de calquera tipo de conduta machista tras a dimisión de José Tomé Roca á fronte da Secretaría Xeral do partido en Lugo e do seu cargo como presidente da Deputación, logo de facerse públicas varias denuncias por presunto acoso sexual por parte do mandatario.
“Desde hoxe José Tomé xa non ten ningunha vinculación co Partido Socialista. Pediu a súa suspensión de militancia e anunciou a súa dimisión como presidente da Deputación de Lugo, así como o seu abandono inmediato dos grupos socialistas. É o que tiña que facer. É o que debía facer e é o que este partido lle esixiu que fixese, debendo acompañalo coa entrega das súas actas”, sinalan nun comunicado no que tamén defenden non ter coñecemento de ningunha denuncia na canle contra o acoso.
Para garantir o dereito das vítimas a denunciar, explican, o partido habilitou unha canle específica que garante a confidencialidade, a intimidade e o anonimato das mulleres. Esta ferramenta permite ao Órgano contra o Acoso investigar e actuar con todas as garantías e independencia. Por iso, din, non tiñan coñecemento de ditas denuncias “porque non podemos telo, ao garantir o anonimato o protocolo que activa o partido”.
Os socialistas piden respecto para a vítima e confían na investigación do Órgano contra o Acoso, reafirmando a súa política de “tolerancia cero” coa violencia machista. “Somos o partido que sempre deu pasos fronte á desigualdade, caia quen caia”, defenden os socialistas, que aseguran que estas acusacións “non só nos producen tristeza, senón repugnancia, e xa están a ser investigadas con todas as consecuencias”.
Ante a gravidade das acusacións, o Partido Socialista “vai chegar até o final”, afirman nun comunicado no que anuncian que o PSdeG proporá á Executiva Federal o nomeamento inmediato dunha Comisión Xestora na provincia de Lugo.