O PSdeG reclama máis medios para o ensino público e advirte de que “a inclusión sen profesorado é un fraude”

O PSdeG reclamou á Xunta máis medios para o ensino público e advertiu de que “a inclusión sen profesorado e apoio é un fraude”.
O voceiro de Educación do Grupo Parlamentario Socialista, Aitor Bouza, participou no inicio da manifestación convocada pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público en Santiago de Compostela, en apoio ás demandas das ANPAS galegas.
Bouza explicou que o Grupo Socialista leva meses trasladando ao Parlamento as reivindicacións da comunidade educativa e pediu ao presidente da Xunta que atenda estas reclamacións, especialmente no que respecta á dotación de profesorado para alumnado con necesidades específicas de apoio educativo.
“O que pedimos é compromiso con estes alumnos e alumnas. Non son porcentaxes nin números, son persoas”, afirmou, incidindo en que non poden repetirse situacións de falta de persoal que comprometan a calidade educativa.
O deputado insistiu en que a inclusión require medios reais, máis profesorado especializado e mellor dotación nos centros. “Unha inclusión sen medios suficientes é un absoluto fraude”, recalcou.
Na mobilización tamén participaron outras representantes socialistas, entre elas Patricia Iglesias en Compostela e Silvia Longueira na concentración celebrada na Coruña.