O PSOE de Lugo reclamará á Xunta que salde a débeda cos concellos e o respecto da Escola de Enfermaría

O Grupo Provincial Socialista defenderá no vindeiro Pleno da Deputación de Lugo, que se celebrará o martes, dúas iniciativas co obxectivo de combater o deterioro dos servizos públicos que a Xunta está a provocar na provincia e de garantir un trato xusto para Lugo, tanto no financiamento municipal como no futuro do seu campus universitario. Por unha banda, o PSOE reclamará que os Orzamentos da Xunta de 2026 salden a débeda cos concellos e co rural; e, pola outra, defenderá que a Escola Universitaria de Enfermaría de Lugo manteña o seu carácter autónomo nun proceso de integración na USC que o PP está a conducir con opacidade e risco evidente de degradación do centro.
A primeira das iniciativas, presentada como Proposta de Goberno, denuncia que a Xunta mantén cos concellos galegos unha débeda histórica de arredor de 600 millóns de euros, resultado da asunción forzosa de competencias impropias que deberían corresponder ao Executivo autonómico. Os socialistas lembran que, mentres isto ocorre, o PP leva 14 anos sen actualizar o Fondo de Cooperación Local, practicamente conxelado desde 2010 e ademais repartido con “criterios partidistas” que penalizan concellos en función de quen os goberne. A proposta do PSOE reclama que os Orzamentos de 2026 asuman esa débeda e garantan os recursos necesarios para que os concellos poidan prestar servizos públicos en condicións de igualdade. O Grupo Socialista lembra tamén que o presidente Rueda recoñeceu o sobrecusto de 500 millóns de euros anuais na prestación de servizos no rural, e acusa á Xunta de utilizar esa cifra como argumento político mentres se nega a dotalos orzamentariamente. Segundo o PSOE, “resulta evidente que o PP está construíndo unha Galicia a dúas velocidades, na que o interior é condenado a ter menos servizos e menos oportunidades, mentres se presume de orzamentos récord que non chegan a quen máis os necesita”. Por iso, a Deputación reclamará tamén que 2026 marque un punto de inflexión no financiamiento do rural e no respecto ao municipalismo.
A segunda iniciativa que o PSOE levará a Pleno é unha moción en defensa da Escola Universitaria de Enfermaría de Lugo, cuxa integración na USC —segundo denuncian os socialistas— está sendo impulsada pola Xunta sen garantías e cun claro risco de que o centro perda a súa personalidade propia, pasando a depender da Facultade de Santiago como unha sección subordinada. O Grupo Socialista alerta de que “é moito máis doado pechar unha sección ca pechar un centro autónomo”, e lembra que Lugo xa tivo que mobilizarse no pasado para evitar a perda de titulacións da Escola Politécnica.
O PSOE sostén que a Escola de Enfermaría é un centro histórico, con máis de 50 anos de traxectoria, prestixio recoñecido e valor estratéxico para Lugo, tanto na formación de profesionais sanitarios como no desenvolvemento do Campus. Por iso, a moción reclama que calquera integración na USC garanta o mantemento do seu status como centro autónomo —como Escola ou Facultade—, que se preserve o seu cadro de persoal e o proxecto educativo, e que a Xunta financie os medios necesarios para reforzar e ampliar a súa oferta, abrindo incluso a porta a novas titulacións de áreas como Fisioterapia ou Podoloxía. A voceira socialista, Pilar García Porto, resume así o sentido conxunto das dúas iniciativas: “Estamos ante dous síntomas da mesma realidade: un PP que asfixia aos concellos e pon en perigo o futuro do noso campus.
Lugo non pode seguir sendo subordinada nin ninguneada desde Santiago. Defendemos financiamento xusto, servizos públicos dignos e un campus forte, con centros autónomos e con futuro”. E engadiu: “Se a Xunta quere falar de lealdade institucional, debe comezar por cumprir co rural e por respectar a identidade universitaria de Lugo”.
O PSOE conclúe que a Deputación “será firme na defensa da provincia, do municipalismo e do equilibrio territorial”, e advirte de que “Lugo non vai calar diante das políticas recentralizadoras e regresivas do PP”.