O PSOE denuncia a falta de compromiso do PP coa ampliación do porto de Lorbé en Oleiros

O portavoz de Pesca do Grupo Socialista, Julio Abalde, expón falta de espazo e seguridade para os pescadores
Julio Abalde
5 May 2025

O portavoz de Pesca do Grupo Socialista, Julio Abalde, criticou a actitude do PP de evitar comprometer unha data concreta para executar a ampliación do porto de Lorbé, en Oleiros. A súa denuncia chega despois de que os populares votaran en contra da proposta que Abalde levou á Comisión de Pesca do Parlamento Galego, na que reclamaba á Xunta que puxera en marcha as obras da ampliación do espigón e os pantaláns neste mesmo ano.

Durante o debate, o responsable socialista rexeitou a emenda presentada polo PP, que eliminaba o compromiso de licitar as obras ou o proxecto en 2025. Abalde subliñou que “os veciños de Oleiros queren certezas e saber que este mesmo ano comezan as obras”. O parlamentario acusou ao goberno galego de empregar os compromisos orzamentarios con "fins electorais", facendo referencia aos anuncios sen executarse.

Abalde recordou que o Goberno galego anunciou a ampliación do dique e os pantaláns en maio de 2023, “dous días antes das eleccións municipais”. Sen embargo, máis dun ano despois, denunciou que "non moveron un papel" e que "non hai nin proxecto, nin ampliación, nin dique, nin pantaláns". O responsable socialista criticou que a Xunta e Portos de Galicia sigan sen concretar a obra, cualificando o proxecto como "fume electoral" que só se presentou para "enganar aos veciños" na campaña electoral.

O portavoz socialista levou esta proposta ao Parlamento como unha actuación "necesaria e sempre reclamada pola confraría de Lorbé", subliñando a importancia da ampliación do espigón para garantir un mellor abrigo e protección aos barcos. O actual porto, dixo, fai que os pescadores locais teñan que refuxiarse en Sada ou na Coruña en días de temporal debido á falta de espazo e seguridade.

Abalde tamén lembrou que, a pesar de que o Goberno galego se comprometeu en 2023 a construír novos pantaláns para ampliar os amarres, este compromiso aínda non se cumpliu. Polo tanto, o portavoz socialista instou ao Goberno galego a cumprir coa súa palabra e a executar o proxecto que se acordou coa confraría de pescadores, apelando a que este debe ser un compromiso serio e inmediato para resolver a situación do porto de Lorbé.

⚙ Configurar cookies
0.10239410400391